Socialistas de Arteixo

View Original

O PSOE de Arteixo denuncia as deficiencias do campo de fútbol de Pastoriza

Tras un investimento de máis de tres millóns de euros, o público protesta polas dificultades para ter unha visión completa do terreo de xogo na primeira fila da grada e a falta de resgardo ante a chuvia e o vento, entre outros problemas.

Novo campo de fútbol de Pastoriza

As escolas deportivas da S.C.D. Pastoriza tiveron que agardar dez anos para ver concluída a construción do seu novo campo de fútbol. O Concello recepcionou as obras hai menos dun ano, pero as instalacións non cumpren coas expectativas das persoas usuarias. O PSdeG-PSOE levará ao próximo pleno algunhas das carencias denunciadas pola veciñanza e pedirá que se acometan as melloras precisas, no recinto deportivo e na súa contorna, para que o club conte cunhas instalacións á altura do proxecto que está a desenvolver.

As obras contaron cun investimento de máis de tres millóns de euros: 2 no propio campo e 1,2 na urbanización das súas inmediacións. Despois deste importante desembolso, o público atopouse cunha bancada onde resulta imposible ter unha visión completa do terreo de xogo, particularmente na primeira fila. Ademais, a mala orientación das instalacións e a ausencia dunha cuberta adecuada propician a entrada de auga e frío nos días en que as condicións meteorolóxicas son desfavorables. O Grupo Municipal Socialista solicitará a instalación dun peche lateral na grada, acorde coa estética do edificio, que protexa aos espectadores da chuvia e do vento e pedirá que se analicen solucións para os problemas de visibilidade.

 

Deficiencias na contorna

As concelleiras e concelleiros socialistas lamentan tamén a mala planificación das obras de urbanización na contorna máis inmediata do campo de fútbol. Actualmente estanse a acometer novamente obras nas zonas axardinadas, onde o sistema de rego aínda non empezou a funcionar, pero o PP de Carlos Calvelo aínda non aclarou se é o Concello ou a empresa construtora quen sufraga o importe desta actuación. O PSdeG-PSOE entende que a cidadanía de Arteixo non pode asumir, outra vez, o sobrecusto dunhas obras mal executadas.