O PSOE de Arteixo denuncia a ocupación dunha edificación propiedade da Consellería de Medio Rural no polígono da Artística
O grupo municipal socialista insta ao goberno local a esixir ao goberno galego que tome medidas para poñer fin á ocupación e ás actividades denunciadas pola veciñanza do núcleo de Meicende así como solicitar á Xunta de Galicia a cesión da parcela ou a edificación para uso do concello de Arteixo.
Os socialistas de Arteixo presentarán unha moción no vindeiro pleno para denunciar a ocupación dunha edificación propiedade da Consellería de Medio Rural no polígono da Artística e instar ao goberno local a esixir ao goberno galego que tome medidas para poñer fin á ocupación e ás actividades denunciadas pola veciñanza do núcleo de Meicende.
O grupo municipal socialista tamén pide que desde o goberno municipal se lle solicite á Xunta de Galicia a cesión da parcela ou a edificación para uso do concello de Arteixo.
O concelleiro socialista Fernando Vázquez explica que o núcleo de Meicende edil os efectos de existencia de puntos de venta de estupefacientes que afectan á seguridade e convivencia da súa veciñanza, tal como xa ten denunciado o grupo socialista e insiste que “os habitantes dos barrios das Eiras e O Petón están fartos desta situación e denuncian día tras día o que están a vivir as súas familias”.
Vázquez lembra que o Partido Socialista leva tempo pedíndolle ao goberno local medidas urxentes para mellorar a configuración urbanística destes barrios, o seu alumeado o seu mobiliario urbano e a presencia policial, para erradicar a presencia de dita delincuencia.
O edil socialista sinala que nos derradeiros tempos a veciñanza de Meicende denuncia que se están a levar a cabo actividades ilícitas nunha parcela situada no entorno do polígono da Artística que ten unha edificación no seu interior, e “segundo o cartel que ten no seu exterior é propiedade da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia”.
“Entendemos que dita edificación foi “ocupada” sen permiso” expón Vázquez, e que se descoñecen cales foron as actuacións da propia Consellería de Medio Rural e do concello de Arteixo “para evitar que nun edificio público se poidan estar producindo estas actividades ilícitas”.
TAMÉN NO PARLAMENTO DE GALICIA
Os socialistas indican que as administracións “deberan actuar para poñerlle fin a esta situación” e no caso de que a edificación non teña actividade “a consellería debera tapiala ou darlle algún uso” polo que levarán este tema tamén ao Parlamento de Galicia.
O deputado socialista Martín Seco presentará unha pregunta oral e unha proposicíón non de lei na Comisión 7ª do Parlamento para que se investigue a situación da parcela e acabe coa ocupación.