O PSOE considera insuficientes os orzamentos da Xunta de Galicia para Arteixo e reclama máis investimento en sanidade, educación e servizos sociais
Martín Seco: “Unha vez máis observamos que as cantidades que dedica o goberno galego ao noso concello son na súa maior parte para o desenvolvemento do polígono de Morás pero desatende as múltiples necesidades sociais que ten a nosa ciudadanía”
O grupo municipal socialista insta ao goberno galego a aceptar as emendas presentadas polo PSdeG-PSOE aos orzamentos da Xunta de Galicia para 2025 ao considerar insuficientes as partidas dedicadas ao concello e reclaman máis investimento en sanidade, educación e servizos sociais.
O goberno do PP na Xunta de Galicia presentou os orzamentos da administración autonómica para o 2025 que están a ser tramitados no Parlamento de Galicia e desde o Grupo Municipal Socialista de Arteixo explican que “analizaron o documento coa esperanza de que se atendesen as necesidades que ten o noso concello en materias de competencia autonómica como son a sanidade, a educación e os servizos sociais”.
Martín Seco, portavoz do grupo municipal socialista, denuncia que “unha vez máis observamos que as cantidades que dedica o goberno galego ao noso concello son na súa maior parte recursos para o desenvolvemento do polígono de Morás”, e que
“como sucedeu o ano pasado, non hai partida para a construción dun novo centro educativo en Arteixo, nin para os centros educativos existentes, como a rehabilitación do IES Manuel Murguía”. Según Seco “iso confirma que xa non é unha necesidade para a Xunta de Galicia e tampouco para o noso goberno local”.
Ademais o voceiro socialista engade que o goberno galego non presenta nin un so investimento no eido social, “pese as necesidades de ampliación dun saturado centro de saúde de Arteixo, con fallas de persoal e especialistas tanto alí como nos centros de Vilarrodís e Meicende”, e alerta que tampouco se incrementa a oferta de prazas “nunha nova residencia e centro de día para os nosos maiores no norte do noso concello”.
Os socialistas tamén afirman que seguen sen chegar as actuacións necesarias en infraestruturas para mellorar a seguridade viaria e a mobilidade na estrada AC-552, propiedade da Xunta de Galicia, “unha necesidade prioritaria para a parroquía de Larín e o barrio de Candame”, e insisten na petición de investimento para a mellora do porto de Suevos “que melloraría nas súas condicións cun novo dique”.
“Dende o Partido dos Socialistas de Galicia en Arteixo aplaudimos que se aposte polo solo industrial no noso concello pero os nosos mandatarios non deberan de esquecer que teñen a obriga de dar resposta as múltiples necesidades sociais e de infraestruturas que ten a nosa ciudadanía” explica Seco, “unha poboación que soporta as cargas propias dun concello industrial e que padece o empeoramento na calidade dos servizos que reciben por parte da administración, cunha sanidade cada día máis feble, unha educación con menos recursos e saturada, unha atención aos nosos maiores deficiente e unha infraestrutura viaria, cada día máis insegura e colapsada”.
Os socialistas arteixáns presentaron nese censo emendas aos orzamentos da Xunta para o 2024, “igual que nos anos anteriores, coa pouca esperanza de ver se son aceptadas por un goberno galego que mira para Arteixo como unha zona de sacrificio industrial sen poñer as medidas para que a implantación de novas empresas veña con solucións para a veciñanza”.
As emendas presentadas polos socialistas son:
• Proxecto mellora integral da seguridade viaria na AC-552 ao seu paso por Vilarrodís, Candame, Lañas e Larín.
• Proxecto novo Centro Educativo
• Proxecto rehabilitación do IES Manuel Murguía
• Proxecto construción Centro de día e residencia de maiores na zona norte do concello
• Proxecto construción do dique no Porto de Suevos
• Proxecto ampliación Centro Saúde de Arteixo, maior dotación de profesionais en todos os centros sanitarios do concello e apertura do sanatorio de Meicende polas tardes
LIBERACIÓN DA PEAXE DA AG-55
Así mesmo, o PSdeG PSOE presentou unha emenda transversal para solicitar a liberación da peaxe da AG-55. “Unha liberación necesaria que só pode facer realidade o goberno da Xunta de Galicia ao ser a súa propietaria, unha eliminación que segue a ser esencial para o futuro da nosa actividade económica e da mobilidade da nosa veciñanza” explica Martín Seco.