O PSOE arteixán denuncia que o goberno local segue sen reforzar o persoal asignado ao CIM de Arteixo
A corporación municipal aprobou por unanimidade en outubro a moción do grupo socialista para reforzar o persoal do Centro de información á Muller recuperando a independencia dos postos de directora e psicóloga, aumentar as horas de asistencia xurídica e de atención psicolóxica para menores, así como cubrir o posto da traballadora social.
Os socialistas arteixáns demandan coñecer as iniciativas levadas cabo polo goberno municipal para executar a moción presentada no pleno de outubro para instar ao goberno local a reforzar o persoal asignado ao CIM de Arteixo e que foi aprobada por unanimidade.
A portavoz do grupo municipal socialista , Ana Cedeira, explica que no teñen constancia de que o goberno local levara a cabo ningunha actuación para cumprir coa moción aprobada en outubro ao tempo que sinala que varias usuarias xa puxeron reclamacións no rexistro do concello pola lista de espera na asistencia psicolóxica, e denuncian que non se cubriu a baixa por maternidade da asistente social.
A moción insistía precisamente na necesidade de recuperar a independencia dos postos de directora e psicóloga, aumentar as horas de asistencia xurídica e de atención psicolóxica para menores así como a cobertura do posto da traballadora social asignada ao centro para ter unha mellor atención aos usuarios/as nun problema de vital importancia para a cidadanía.
Cedeira sinala que a atención do CIM de Arteixo é “totalmente insuficiente nun concello onde hai máis de 2.200 persoas usuarias do servizo”. Según as nosas informacións, ”a axente de igualdade traballou 20 horas o mes pasado, a avogada segue a 7 horas á semana e a psicóloga infantil a 3 horas á semana” explica a voceira socialista.
Para Cedeira, “de pouco vale aprobar cosas nos plenos que despois non se cumpren. Unha práctica moi habitual deste goberno local, así que queremos saber se teñen intención de levar a cabo algunha medida en breve”.