O PSdeG solicita o arranxo urxente das pasarelas de acceso ás praias e o mobiliario estragado do Paseo Marítimo
Simón López lembra que boa parte das esperanzas de recuperación económica están depositadas na campaña de verán e lamenta “a incapacidade do PP para manter as infraestruturas turísticas”.
O estado de abandono das estruturas de acceso ás praias de Arteixo foi obxecto de debate pleno do pasado mes de abril. O portavoz socialista, Simón López, presentara un rogo para instar ao goberno a reparar as pasarelas de madeira e o mobiliario público do Paseo Marítimo, pero non se trataba dunha petición nova. Hai xa dous anos, en 2019, o grupo municipal do PSdeG-PSOE denunciara estas deficiencias e a situación dende entón no fixo máis ca empeorar. Os viandantes que se achegan ata o litoral camiñan entre pasarelas sen mantemento, varandas rotas e valados de obra mal colocados para sinalizar a existencia de fochancas.
Naquel momento, o alcalde comprometérase a substituír as estruturas de madeira por outras máis sólidas e duradeiras, pero as promesas de Calvelo nunca chegaron a materializarse. Simón López defende a necesidade de poñer en marcha, canto antes, un Plan Integral de mellora do Paseo Marítimo, pero considera que o máis urxente, neste momento, é acometer a reparación ou substitución do material estragado. “Esta a piques de comezar a campaña de máis usos destas infraestruturas e boa parte das esperanzas de recuperación económica están depositadas na campaña de verán”, indica o portavoz socialista, que lamenta “a incapacidade do PP para manter as infraestruturas turísticas do concello con máis bandeiras azuis de toda a provincia”.
Os socialistas cren que o goberno “non está á altura” e insisten en que non se trata só de coidar un dos maiores atractivos que Arteixo pode ofrecer aos visitantes, senón de garantir a seguridade de toda a veciñanza que transita diariamente polo Paseo Marítimo. Entre as reclamacións que se presentaron no último pleno figuraba tamén a necesidade de mellorar a iluminación da zona e sinalizar correctamente todos os tramos do carril bici.