Socialistas de Arteixo

View Original

O PSdeG-PSOE reclama un plan de rehabilitación integral para o barrio do Petón

Os socialistas de Arteixo consideran necesario unha mellora urbanística e de seguridade do barrio tras unha década de abandono do goberno local.

Situación actual do barrio do Petón

 O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE pediralle ao grupo de goberno do PP no concello un plan de rehabilitación integral do barrio do Petón que leve unha década abandonado polo goberno municipal.

A voceira do grupo municipal socialista, Patricia Boedo, sinala que o núcleo urbano de Meicende é un dos espazos máis poboados de Arteixo e “conta con barrios que necesitan da implicación do goberno local para converterse nun lugar atractivo para o desenvolvemento das actividades vitais da súa poboación”.  A pesares de que nestes anos se levaron a cabo actuacións nalgunhas localizacións de dito núcleo urbano, “o barrio de O Petón continúa no abandono dos nosos dirixentes locais, co desleixo das súas infraestruturas e o deterioro da convivencia entre a súa cidadanía” afirma Boedo.

Para os socialistas, a eliminación na cidade de A Coruña da barriada de Penamoa e posteriormente das vivendas que se situaban na recta de San José, lugares próximos ao núcleo de Meicende e focos tradicionais de venta de estupefacientes, trouxo consigo o aumento de delincuencia e a aparición de novos focos de venta de drogas no barrio arteixán.

“Dende o concello de Arteixo temos a obriga de converter todos e cada un dos barrios de Meicende e Borroa en zonas atractivas para vivir, afastando a aqueles que queren degradar o noso territorio e a convivencia da nosa veciñanza” afirma a voceira socialista, que reclama a mellora urbanística do barrio de O Petón, “das súas vías de comunicación e mobilidade, da súa accesibilidade, a creación e coidado de espazos comúns, do seu mobiliario, da limpeza e mantemento das súas zonas verdes e unha mellora na seguridade”  como condicións indispensables para a mellora da calidade de vida da veciñanza, o fomento da convivencia e a eliminación das actividades delituosas que se producen no barrio.