Socialistas de Arteixo

View Original

O PSdeG-PSOE reclama asesoramento para a veciñanza afectada polos proxectos de parques eólicos en Arteixo

As empresas instaladoras están visitando as familias de zonas como Santa Leocadia e o Grupo Municipal Socialista defende a necesidade de activar, dende o Concello, un servizo de información sobre os seus dereitos.

Trala problemática derivada do proxecto de instalación dunha liña de alta tensión, a veciñanza de Arteixo afronta agora con preocupación a construción de varios parques eólicos no termo municipal. Un deles, dun só muíño chamado “O Picoto” xa está avanzado e outro, chamado “Carboeiro”, de oito muíños compartidos cos concellos de Culleredo e A Laracha, deuse a coñecer xa a través da prensa. A veciñanza da zona de Santa Leocadia, en Loureda, está a recibir a visita de representantes das empresas instaladoras, pero as familias non contan con ningún tipo de asesoramento sobre os seus dereitos ou a posición que poden adoptar nas negociacións.

O Grupo Municipal Socialista preguntará, no próximo pleno, polos desenvolvementos eólicos previstos no concello e reclamará un estudo municipal sobre as afeccións destes proxectos sobre o territorio. Do mesmo modo, solicitarase a creación dalgún mecanismo de información á veciñanza das zonas afectadas, tal como se fixo noutros concellos veciños. A concelleira socialista Charo Figueiras denuncia que “a actual política eólica do goberno galego é caótica e non ten dirección” e lamenta que “unha actividade que antes era desexada pola cidadanía, agora teña contestación social en calquera lugar do territorio onde se queira instalar”.

 

Respecto polo territorio

O Partido Socialista presentou xa múltiples iniciativas, no Parlamento de Galicia, para pedir que activen mecanismos de asesoramento ao servizo da cidadanía e as institucións, buscando un maior equilibro nas negociacións entre promotores e afectados. Reclamouse, por exemplo, que se impida a expropiación forzosa como medida de presión cara aos propietarios dos terreos. Neste sentido, o PSdeG-PSOE defende a implantación ordenada da enerxía eólica, axilizando os proxectos ligados a novas tecnoloxías como o hidróxeno verde, esixindo unha planificación respectuosa coas actividades ligadas ao sector primario e procurando un maior retorno económico para a poboación dos concellos afectados.