Socialistas de Arteixo

View Original

O PSdeG-PSOE oponse ao cambio de emprazamento proposto para o novo centro social de Vilarrodís

O Grupo Municipal Socialista preguntará, no próximo pleno, pola modificación do proxecto e reclamará a dotación dun comedor e novos servizos para a Escola Infantil.

Simón López, Susana Lebón e Luis Carlos Vázquez en Vilarrodís

O cambio de criterio sobre o emprazamento do novo centro social de Vilarrodís colleu por sorpresa á veciñanza e aos pais e nais da Escola Infantil. O proxecto inicial contemplaba a construción deste equipamento nunha parcela situada fronte ao centro educativo e hai máis dun ano, o propio Concello chegou a distribuír varias infografías do novo edificio. A prensa publicou os planos do emprazamento previsto pero algún tempo despois, por motivos que non se deron a coñecer, o PP de Carlos Calvelo tomou a decisión de modificalo para construír a instalación sociocultural nun terreo anexo á escola onde acoden cada día decenas de nenos e nenas.

O PSdeG-PSOE considera que o novo emprazamento anunciado non é o máis acaído para unha infraestrutura demandada dende hai tempo pola veciñanza. O portavoz socialista, Simón López, considera que “as necesidades operativas do centro educativo e as especificacións técnicas que se esixen para un equipamento destas características poderían condicionar o funcionamento de ambas instalacións”. Na súa opinión, “o goberno municipal debería preocuparse máis por garantir o bo funcionamento da Escola Infantil, dotándoa dun comedor e de todos os servizos precisos para que poida seguir aberta”.

No próximo pleno, o Grupo Municipal Socialista vai preguntar polas razóns que levaron a modificar o proxecto e vaille trasladar ao alcalde a preocupación da xente de Vilarrodís ante o cambio de criterio do goberno municipal. “Queremos saber se Carlos Calvelo está disposto a executar esta obra aínda que conte coa oposición maioritaria da veciñanza e dos pais e nais”, indica Simón López.