Socialistas de Arteixo

View Original

O PSdeG-PSOE insta ao goberno local a apoiar  ás reivindicacións do persoal de JEVASO en Arteixo por unas condicións laborais “dignas”

Os socialistas reclaman á corporación local que non lle dea novamente as costas aos traballadores da empresa téxtil ante a negativa da dirección empresarial a cumprir unhas condicións laborais, sociais e de prevención de riscos básicas

O PSdeG-PSOE de Arteixo insta novamente ao goberno local a apoiar ás reivindicacións do persoal de JEVASO en Sabón por unhas condicións laboráis “dignas” e reclama que non lle dean outra vez as costas aos traballadores da empresa téxtil como no pleno anterior ante a negativa da dirección empresarial a cumprir unhas condicións laborais, sociais e de prevención de riscos básicas.

JEVASO é unha empresa que conta en España e Portugal con máis de 2.500 empregados/as traballando para firmas como Mango, Bimba y Lola ou Inditex. Só nas instalacións de Arteixo ten un cadro de persoal de máis 600 persoas e chega a ter contratacións por vía de ETT de ata 400 traballadoras e traballadores nalgúns períodos.

A voceira socialista, Patricia Boedo, sinala que “como socialistas non podemos mirar cara outro lado diante dunha petición de vulneración de dereitos laboráis” e destaca “o comportamento solidario do persoal de JEVASO en plena pandemia” cando nun momento inicial de emerxencia sanitaria colaborou para o subministro de mascarillas co concello de Arteixo e posteriormente para toda Galicia poñendo a súa loxística a disposición do Goberno galego, confeccionando tamén batas e mascarillas para a loita contra o COVID-19.

O grupo municipal socialista explica que “esa solidariedade non se corresponde coa actitude da dirección da empresa” que rexeita asumir “ou sequera negociar” ningunha das propostas trasladadas pola representación do persoal en materia laboral, social e de prevención de riscos en cuestións tan básicas como cumprir co descanso efectivo de 15 minutos que establece o convenio colectivo sen computar neste descanso os tempos de traslado ao comedor;  que se cumpra a xornada laboral e non traballar 18 horas por enriba da súa xornada ordinaria; reducir a precariedade na contratación e darlle estabilidade aos empregos; ou mellorar a seguridade e a saúde laboral e cumprir coa normativa vixente.

Diante da negativa da empresa a sentarse a negociar estas melloras, o comité de empresa está a realizar mobilizacións, por primeira vez en 40 anos, cunha alta participación do persoal para dicir BASTA Á PRECARIEDADE LABORAL e os socialistas arteixáns consideran “lamentable” que o concello de Arteixo puxera dificultades a esas mobilizacións solicitándolle á Delegación do Goberno a modificación do recorrido da manifestación do día 25 de novembro.

“A corporación local debe mostrarlles o seu apoio aos traballadores, moitos veciños de Arteixo, ante unha dirección empresarial que nega unhas condicións laborais, sociais e de prevención de riscos básicas” insiste Boedo, porque “á dirección de JEVASO non se lle pode esquecer que gran parte dos millóns de euros que xeran de beneficio veñen dados do gran esforzo diario que realizan os seus traballadores e traballadoras”.

SUBA DAS TAXAS DAS PISCINAS E SITUACIÓN DO PXOM

No pleno de decembro o goberno municipal presenta a modificación das ordenanzas fiscais reguladoras das taxas por prestación de servizo público nas piscinas municipais e noutras instalacións deportivas, polo que o grupo municipal socialista pedirá reducir o incremento correspondente ao IPC.

Os socialistas solicitan seguir o exemplo doutras administracións que nun momento de crise como o actual non aplican ese incremento do 8%, e lle piden ao goberno local do PP que faga o mesmo coas taxas das piscinas e o resto de taxas do concello. 

 Ademais o Grupo Municipal Socialista tamén preguntará no pleno pola paralización do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Arteixo, xa que non se coñecen novos pasos para a súa redacción, así como que iniciativas se teñen levado a cabo para finalizar o deslinde co concello de Culleredo e para negociar o deslinde coa cidade da Coruña.