Socialistas de Arteixo

View Original

O PSdeG- PSOE de Arteixo urxe ao concello a redactar un Plan de Vivenda Municipal para garantir o acceso a unha vivenda digna 

Os socialistas consideran indispensable o compromiso do goberno municipal a incluír no PXOM solo público reservado á construción de vivenda de protección pública.

Os socialistas arteixáns presentarán no vindeiro pleno unha moción para urxir ao goberno local a redactar un Plan de Vivenda Municipal para garantir o acceso a unha vivenda digna no concello. O grupo municipal socialista considera que ese plan debe estar enfocado a cinco eidos fundamentais: familias en exclusión social, vítimas de violencia de xénero, maiores, persoas con discapacidade e mocidade para a súa emancipación e acceso á súa primeira vivenda.

O voceira socialista, Patricia Boedo, sinala que tras 12 anos de goberno popular “non se afrontaron os problema de vivenda no concello e proba delo é que a redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal está paralizada desde 2011”, o que implica aplicar un modelo urbanístico obsoleto “onde só constrúen uns poucos promotores” e os núcleos rurais seguen sen capacidade de crecemento.

“No noso concello existen un gran número de vivendas baleiras” explica a voceira socialista, ao tempo que se fai un “uso ineficiente do espazo urbano e prácticas contrarias á función social da propiedade”. E indica que en xeral, “non se realiza o esforzo necesario para a posta en valor dun parque inmobiliario infrautilizado, con problemas derivados do progresivo deterioro físico ou a inadecuación funcional das vivendas”.

Malia a existencia desa vivenda baleira, os socialistas consideran que os prezos dos alugueres en Arteixo son moi elevados para as familias con menos capacidade adquisitiva e a xuventude, “uns prezos elevados que tamén ten a nova vivenda, porque carecemos de iniciativas de vivenda social pública ou privada e ningún tipo de programa de alugueiro social por parte do concello”.

Para os socialistas é preciso realizar un estudo das necesidades de vivenda en Arteixo, poñer en marcha un “Rexistro municipal permanente de demandantes de vivenda” e poder así redactar un Plan de Vivenda Municipal co fin de impulsar a construción e aluguer de vivendas a prezo alcanzable.

“E, por suposto, é preciso comprometerse a incluír no Plan Xeral de Ordenación Municipal e nos desenvolvementos urbanísticos previos a telo a disposición, solo público reservado á construción de vivenda de protección pública” engade Boedo, así como negociar un acordo coa Sociedade de Xestión de Activos procedentes da Reestruturación Bancaria (SAREB) para a cesión de vivendas desocupadas provenientes da xestión de activos procedentes da reestruturación bancaria, para ser destinadas a arrendamento social.