O PSdeG-PSOE de Arteixo recolle as demandas da veciñanza do barrio de Borroa para levalas ao pleno
Os socialistas de Arteixo pedirán a instalación de beirarrúas que conecten Meicende ata a entrada da Refinería, mellorar o estado do pavimento, a limpeza das cunetas e a rehabilitación do tellado do lavadoiro público.
Os socialistas de Arteixo reuníronse coa veciñanza de Borroa de arriba que leva tempo solicitándolle ao goberno local que se preocupe polo estado do seu barrio, un barrio que necesita do compromiso do concello para levar a cabo as reformas necesarias para a calidade de vida da súa veciñanza.
A voceira socialista, Patricia Boedo e outros compañeiros achegáronse a Borroa e constataron as demandas transmitidas pola veciñanza, unhas demandas que comezan pola necesidade de que o concello de Arteixo non demore máis a instalación das beirarrúas que conecten Meicende ata a entrada da Refinería en Nostián, xusto onde comeza o concello de A Coruña que si instalou beirarrúas no seu territorio.
Segundo a voceira socialista, “é unha vergoña que os veciños de Borroa non poidan camiñar ata Meicende por unha senda peonil segura, nunha estrada con multitude de vehículos pesados, e todo debido a incapacidade de 11 anos de goberno do Partido Popular, mentres o concello de A Coruña si ten instaladas as beirarrúas no seu territorio, cando tiña unha lonxitude moito maior por cubrir”.
A voceira visualizou as necesidades da veciñanza e prometeulles solicitar ao goberno local a necesidade de mellorar o mal estado do pavimento na estrada de Borroa de arriba, actuar para aumentar o ancho da rúa para que poida circular un vehículo de emerxencias, manter limpas as cunetas, esixir que os propietarios manteñan limpas as súas fincas e facer unha rehabilitación do tellado do lavadoiro público.