Socialistas de Arteixo

View Original

O PSdeG- PSOE de Arteixo reclama o apoio do goberno local ao tecido social de Pastoriza para a dinamización da romaría tradicional.

Os socialistas consideran necesario que o concello financie os custes dun programa completo de actividades que axude á reactivación cultural, lúdica e económica da parroquia.

O grupo socialista no concello de Arteixo insta ao grupo de goberno do Partido Popular a asumir o traballo de dinamización da romaría de Pastoriza para elaborar man a man coas asociacións da parroquia un programa completo de actividades e financiar os seus custes.

Os socialistas consideran que unha boa planificación da tradicional romaría da Virxe de Pastoriza en Arteixo suporía “un retorno importante para o tecido económico do noso concello” por ser unha antiga tradición que achega a moita cidadanía doutras parroquias e municipios a Pastoriza e que “ademais do contido relixioso, debera ser unha oportunidade para dinamizar cultural e lúdicamente o noso territorio” explica a voceira socialista, Patricia Boedo.

“Nos últimos anos, os esforzos para recuperar e dinamizar a romaría recaeron na veciñanza de Pastoriza coa asociación “O Grilo” á fronte” afirma Boedo, sen apoio do goberno local que “semella que deixa morrer a celebración de dita romaría mentres pon os seus recursos na romaría dos Milagres en Caión, que entendemos positiva pero que non deixa de ser unha romaría do concello veciño de A Laracha”.

Patricia Boedo argumenta que a de Pastoriza ten o único sustento do Grilo, que cada ano organiza  múltiples eventos, xogos e xantares populares, concertos, andainas ou o proxecto de “Porlier en Pastoriza” cun gran éxito de aceptación da veciñanza e achegados, e este ano a andaina e a “romaría dos libros” polo que precisa un apoio económico do goberno local.