Socialistas de Arteixo

View Original

O PSdeG-PSOE de Arteixo presenta alegacións á liña de evacuación do parque eólico Monteagudo

Tamén piden ao goberno local do PP o compromiso expreso de utilizar todos os recursos necesarios, chegando á xustiza se fose necesario, para freala xunto cos proxectos dos parques eólicos de Carboeiro, Monteagudo e Pedra Queimada.

Os socialistas consideran que existe unha división artificiosa do proxecto industrial eólico en varios proxectos independentes cunha consecuente fraude de lei e piden a súa retirada definitiva polas incompatibilidades cos valores ambientais, patrimoniais e paisaxísticos presentes na área de afección do proxecto así como a falla de licencia social e advirten da pouca distancia da liña a dous núcleos de poboación do concello, pasando a 20 metros do núcleo de Carril en Loureda.

Poligonal Parque Eólico Monteagudo

Os socialistas de Arteixo veñen de presentar diante da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación as súas alegacións á infraestrutura de evacuación de Monteagudo nos concellos de Arteixo, A Laracha e Carballo, como xa fixeron cos proxectos dos parques eólicos de Carboeiro,  Monteagudo e Pedra Queimada.

Os socialistas arteixáns sinalan que cómpre resaltar o carácter unitario dos parques eólicos previstos, e que todos os seus elementos e instalacións deben contemplarse cunha perspectiva unitaria, desde os accesos e os propios aeroxeradores ata a liña de conexión dos parques no seu conxunto coa rede de distribución ou transporte da electricidade.

Martín Seco, secretario xeral dos socialistas de Arteixo e deputado no Parlamento de Galicia sinala que “non pode darse un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin xa que iso comportaría unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supoñer unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores esixencias ambientais”.

Seco indica que a consideración separada dos parques “impide ter en conta os efectos desde o punto de vista do impacto ambiental, obviando unha análise do conxunto dos elementos implicados”  e que todos os parques proxectados teñen “efectos acumulados sobre os mesmos elementos da paisaxe e a biodiversidade da contorna”, polo que o seu impacto debe ser avaliado de forma conxunta . “Ademais a cidadanía ten dereito ao acceso á información do conxunto e a recibir información relativa ao conxunto global e acumulado de todas as infraestruturas do proxecto industrial” engade tamén a voceira do grupo municipal socialista en Arteixo, Patricia Boedo.

Os socialistas insisten en que a fragmentación artificial ou de conveniencia deste tipo de proxectos non se axusta a Dereito tal como veñen corroborando os tribunáis de xustiza en España dende hai anos.

Nas alegacións presentadas, os socialistas inclúen unha extensa enumeración da afeccións severas e prexuízos irreversibles para as Áreas de Interese Paisaxístico (AEIP), para espazos identitarios e simbólicos e para as paisaxes, e insisten na xeración de feísmo paisaxístico así como nos danos severos para o turismo e a hostalería polo que piden a retirada definitiva do proxecto pola súa incompatibilidade cos valores ambientais, patrimoniais e paisaxísticos presentes na súa  área de afección e a falla de licencia social.

O Grupo Municipal Socialista advirte da pouca distancia da liña de evacuación a dous núcleos de Arteixo, un deles “Carril”, a só 20 metros da mesma e anuncia que se sumará este xoves ás mocións institucionais de tódolos grupos municipais do concello contra este proxecto de liña de evacuación e contra o proxecto do parque eólico de Pedra Queimada, a pesares da negativa do alcalde Calvelo á solicitude socialista para introducir nestas mocións e na anterior do parque Carboeiro o compromiso de chegar ata onde fose necesario para frear a instalación destas infraestruturas.

A voceira socialista, Patricia Boedo. explica que durante a celebración do pleno lle pedirá ao alcalde “o compromiso verbal de utilizar todos os recursos necesarios a nivel administrativo e se fose necesario o xudicial para frear estes proxectos tan lesivos para o noso concello e a calidade de vida dos nosos vecinos”.

Alagacións a vía de evacuación de Monteagudo