Socialistas de Arteixo

View Original

O PSdeG-PSOE de Arteixo pídelle a Carlos Calvelo que deixe de enganar á cidadanía coa liberación da peaxe da AG-55 e traballe con Xunta e Goberno para facer o enlace de Meicende

Os socialistas califican de inaudito que ao alcalde “lle dea asco” que o Goberno estatal apoie que Maersk elixa Langosteira para desenvolver a súa nova actividade. 

O PSdeG-PSOE pide ao alcalde de Arteixo que deixe de enganar á cidadanía con falsas espectativas sobre a liberación da peaxe da AG-55 en Pastoriza por parte do goberno estatal, unha situación que para os socialistas “non se corresponde coa realidade”, xa que a propia Ministra de Mobilidade prometeu ao sector empresarial nunha visita recente a Galicia, a licitación da “cuarta ronda” no primeiro semestre do 2023.

Para a voceira socialista, Patricia Boedo, “o alcalde perdeu unha oportunidade” para dialogar e convencer á administración e os axentes económicos da “posibilidade de liberación da peaxe” que daba o estudo de alternativas, decidindo “xudicializar este proceso, sen abrir vías de diálogo que acabaron cunha sentenza contra os intereses de Arteixo” que avalan a construción da cuarta ronda, unha infraestrutura que será  realidade nun futuro próximo.  Ademais “debera dar explicacións sobre a súa promesa de que a xustiza daría a razón ao noso concello e que levaría o tema ante a xustiza europea, algo que só fixo nos medios de comunicación” engade a edil socialista.

Para Boedo, “os socialistas, que fomos os primeiros en propoñer esta liberación ao goberno central”, entenden que unha vez que está tomada a decisión de construír a cuarta ronda, “unha decisión avalada polos tribunais de xustiza” e tendo en conta que “a propiedade da autopista AG-55 é da Xunta de Galicia”, deberíase promover esa “mesa tripartita entre Goberno, Xunta e Concello” para que se constrúa o enlace de Meicende á autovía de acceso ao porto que libere do tráfico pesado as estradas do núcleos do norte do concello e “que a Xunta de Galicia faga gratuita unha autopista que se construiu con cartos de todos os galegos para ese fin”.

INSULTOS DO ALCALDE CARLOS CALVELO NO PLENO

Por outra banda, a voceira socialista expón a súa preocupación pola crispación que introduce o alcalde de Arteixo con esa “linguaxe soez coa que trata á oposición e outras administración”, e sinala que como alcalde “o que ten que facer é deixar os insultos e poñerse a disposición do goberno estatal para que o convenio asinado entre goberno e a danesa Maersk, a segunda maior naviera do mundo, se faga realidade e elixan as instalacións de Langosteira, e non outras, para as súas novas actividades, xa que a chegada desta actividade suporá riqueza e emprego para o noso concello”.