Socialistas de Arteixo

View Original

O PSdeG-PSOE de Arteixo insta ao goberno local a cubrir o campo da festa de Uxes e a abrir un Centro Social cun parque de xogos infantil en Morás do medio.

Os socialistas recordan que son promesas electorais incumpridas do PP neste mandato para a parroquia de Morás e que no caso da cobertura das pistas deportivas de Uxes é unha reivindicación histórica da AA.VV. de Santo Estevo de Morás.

O grupo municipal socialista de Arteixo presentará unha moción no pleno ordinario de outubro instando ao goberno local a cumprir as promesas realizadas para o período 2019-2023 para a parroquia de Morás, cubrindo o campo da festa de Uxes e a apertura dun Centro Social cun parque de xogos infantil en Morás do medio.

A cuberta das pistas deportivas en Uxes é unha reivindicación histórica da Asociación de Veciños de Santo Estevo de Morás que figuraba tamén no programa electoral dos socialistas de Arteixo xunto coa conversión da antiga escola de Freán nun Centro de Día.

“Chegando ao final deste mandato en maio de 2023, as promesas do PP de Carlos Calvelo na parroquia de Morás, non son máis que papeis mollados e ambas infraestruturas non están nin se lles espera” afirma a voceira socialista, Patricia Boedo, e “coidamos que volverán estar programa electoral do PP para o novo período de 2023 a 2027”.

Boedo explica que “doce anos despois de que Carlos Calvelo chegase ao goberno, en Arteixo seguimos sen Plan Xeral de Ordenación Municipal”, que permitiría ter planificado novos espazos para equipamento público nas parroquias pero “a pesar dos varios centos de millóns de euros orzamentados durante estes doce anos, as parroquias rurais de Arteixo seguen tendo as mesmas deficiencias que no 2011”.

“A nosa labor e fiscalizar a acción dun goberno local que no cumpre as súas promesas electorais aínda que tivo a sorte de ver como nestes 12 anos de goberno continuados o seu orzamento medrou desde os 20 aos 60 millóns de euros deste derradeiro exercicio” explica Boedo, quen sinala que a capacidade de inversión do concello de Arteixo duplica e incluso triplica a de municipios con máis poboación como Narón, Vilagarcía ou Oleiros ou cun número de habitantes similar como Culleredo, Carballo ou Ames, “pero os veciños das parroquias do noso concello ven que esa capacidade inversora non redunda nas infraestruturas e a calidade de vida dos seus barrios” conclúe a concelleira socialista.