Socialistas de Arteixo

View Original

O PSdeG-PSOE de Arteixo demanda actuacións efectivas para mellorar a seguridade viaria e a mobilidade da veciñanza na estrada a Fisterra 

Os socialistas arteixáns consideran que a mellor inversión para os problemas na AC-552 é a eliminación da peaxe da AG-55 acompañado dun plan de seguridade viaria serio e adaptado ás necesidades da mobilidade diaria da veciñanza como presentaron nas emendas aos orzamentos da Xunta para 2023.

O grupo municipal socialista de Arteixo considera insuficientes e ineficaces as medidas de contaminación acústica propostas pola Xunta na AC-552 para mellorar a seguridade viaria e a mobilidade da veciñanza que transita pola estrada a Fisterra e preguntará no vindeiro pleno sobre a posición actual do goberno local ante esas propostas e sobre os movementos realizados polo concello ante o goberno galego para a eliminación da peaxe da AG-55 propiedade da Xunta de Galicia.

Os socialistas sinalan que no ano 2018 tamén o goberno municipal rexeitou o Plan de acción contra a contaminación acústica previstas para a AC-552 en Arteixo e Vilarrodís, porque as solucións propostas de redución do límite de velocidade, o estreitamento dos carrís de circulación, a creación dunha mediana central e a construción de rotondas na Avenida Finisterre en Arteixo e a Avenida Manuel Pratas Varela en Vilarrodís eran "incompatibles" coa "condición de viario urbano" no "que debían primar as propostas de acougado de tráfico desde un estudo xeral” e que primeiro debía suprimirse a peaxe da AG-55.

Neste 2022, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ven de anunciar que tramita a aprobación da revisión do plan de acción contra a contaminación acústica na rede autonómica de estradas, que incide novamente nas propostas realizadas no 2018, como a remodelación da avenida Manuel Pratas Varela de Vilarrodís, na estrada AC-552, coa proposta de creación dunha mediana, o estreitamento de carrís, a remodelación de glorietas e aparcamento e creación de vías de servizo. Ademais, prevé a renovación do pavimento e a redución do límite de velocidade de 50 a 30 quilómetros por hora.

A portavoz dos socialistas arteixáns, Patricia Boedo, lamenta que “ante esta noticia non escoitamos a protesta do goberno local de Arteixo, que no 2018 estaba en contra destas medidas propostas pola Xunta de Galicia mentres que agora  permanece en silencio” ao tempo que denuncia que nesta ocasión “tampouco vemos que o concello de Arteixo solicite ao Goberno Galego a eliminación da peaxe da AG-55, que sería a mellor inversión para os problemas na AC-552, a estrada máis ruidosa da rede autonómica”, e considera que a estas alturas debera contar “cun plan de seguridade viaria serio e adaptado ás necesidades reais do noso concello nas súas zonas urbanas tal e como pedimos os socialistas nas emendas aos orzamentos da Xunta para 2023”.

Por todo isto o Grupo Socialista no Concello de Arteixo preguntaralle  ao goberno local sobre a súa posición actual ante a proposta da Xunta de Galicia e cales son os movementos realizados polo concello ante o goberno galego para a eliminación da peaxe da AG-55 propiedade da Xunta de Galicia