Socialistas de Arteixo

View Original

O PSdeG-PSOE de Arteixo acusa ao goberno de Carlos Calvelo de poñerse “de costas” a centos de veciños arteixáns que só piden condicións laborais dignas en JEVASO

O Partido Popular boicotea o debate dunha moción socialista de apoio e promoción da mobilización do persoal da provedora téxtil e informa contra o recorrido solicitado da manifestación para ocultala polo interior do polígono.

O PSdeG-PSOE de Arteixo acusa ao goberno local de dar as costas aos traballadores de JEVASO en Arteixo despois de que o grupo de goberno do Partido Popular presionase co apoio do BNG para non debater unha moción de urxencia presentada polo grupo municipal socialista que pedía apoio e promoción da mobilización de hoxe dos traballadores das fábricas de JEVASO que denuncian unha situación de precariedade laboral e reclaman condicións laboráis “dignas”.

A moción de urxencia presentada polo grupo municipal socialista de Arteixo solicitaba dar o apoio do Concello ao persoal das instalacións de JEVASO en Sabón, participando na mobilización convocada hoxe, 25 de novembro de 2022, para pedir á dirección da empresa que negocie coa representación dos traballadores melloras nas condicións laborais, sociais e de prevención de riscos,  e instaba ao goberno local a “utilizar os medios á súa disposición”, como son os servizos de mensaxería, paneis luminosos, páxina web e redes sociais para promocionar e difundir a mobilización.

“O goberno do Partido Popular de Arteixo ven de retratarse no pleno de onte coa condescendencia do BNG” afirma a voceira socialista Patricia Boedo, “poñendo paos nas rodas ás reivindicacións dos traballadores dunha empresa do noso concello que están a sufrir unhas condicións laborais indignas”

A voceira socialista insiste en que “como socialistas non podemos mirar cara outro lado diante dunha petición de vulneración de dereitos laborais” afirma Patricia Boedo, “pero non esperabamos que o grupo de goberno do PP lle dera as costas a centos de traballadores arteixáns e que fose tan evidente que o alcalde de Arteixo estivese nas mans da dirección de JEVASO, incluso impedindo o recorrido solicitado para a manifestación de hoxe, informando negativamente dende o concello e trazando un recorrido por zonas onde vai a ser invisible para a poboación”

Como xa afirmaran nunha comunicación anterior, os socialistas arteixáns secundarán as mobilizacións de hoxe, “circulen por onde circulen” e “facemos un chamamento á  veciñanza de Arteixo para darlle apoio aos nosos veciños, xa que o seu alcalde prefire poñerse do lado dos poderosos que explotan aos traballadores” conclúe Patricia Boedo.