O PSdeG-PSOE de Arteixo acusa a Calvelo de tratar de confundir á cidadanía vinculando o trámite de autorización do proxecto eólico de Carboeiro ao goberno central cando é exclusivo da Xunta de Galicia
O Secretario Xeral do PSdeG-PSOE de Arteixo e deputado no Parlamento de Galicia, Martín Seco afea as declaracións do alcalde coa intención de dividir no canto de pactar unha declaración institucional para que tódolos grupos do concello de Arteixo pidan a negativa do goberno galego á autorización do parque e a declaración de utilidade pública do proxecto.
O secretario xeral dos socialistas de Arteixo e deputado no Parlamento de Galicia, Martín Seco, sinala que o alcalde de Arteixo tratou de confundir á veciñanza no día de onte, ligando a tramitación do parque eólico do Carboeiro ao novo decreto do goberno central.
Según Martín Seco “o alcalde sabe ou debería saber que o goberno central nada ten que ver coa autorización do proxecto que afecta ao noso concello, unha tramitación que recae exclusivamente no goberno da Xunta de Galicia, que é quen debe decidir que trámites ambientais terá dito proxecto e se é merecedor da autorización previa e a declaración de utilidade pública”.
O secretario xeral dos socialistas arteixáns opina que “ademais amosa unha falla absoluta de coñecemento da regulación do sector e sobre o decreto do goberno central, xa que este deixa sempre nas mans das administracións autonómicas a decisión final do trámite medioambiental que teñen que seguir os proxectos eólicos”.
“Pode que Carlos Calvelo se sinta inseguro polos múltiples fallos xudiciais contrarios ás decisións do goberno galego na autorización de proxectos eólicos anteriores e pola falla de capacidade do noso concello para facer uns informes que convenzan á administración galega de que este parque non debe ter dita autorización previa e non conceda a declaración de utilidade pública que podería traer consigo a expropiación forzosa dos terreos dos nosos veciños” sinala Seco, pero insiste que dende o grupo socialista “tendemos a man ao goberno local para que se pacte unha declaración institucional de tódolos grupos na corporación municipal que lle pida ao goberno galego que paralice dito proxecto e deixar así claras as posicións de tódolos partidos” ao tempo que pensa que esa declaración “debera ser conxunta e sen fisuras, neste momento e en posteriores, chegando aos tribunais se fose necesario”.
O secretario xeral do PSOE da localidade afirma que “os socialistas de Arteixo temos moi clara a nosa posición sobre o parque eólico que afecta gravemente ao núcleo de Santa Leocadia e xa fixemos alegacións pedindo que o goberno galego non conceda esa autorización”, ao tempo que engade que non saben “porque o alcalde non atendeu a demanda do noso grupo para crear unha necesaria e demandada “Oficina de atención e asesoramento aos afectados” e en cambio está a transmitir a moitos veciños que ten pactadas coa promotora modificacións no proxecto do parque eólico” o que daría a entender que si está a favor da instalación do parque con certos cambios como a eliminación do muíño máis próximo a Santa Leocadia.
Martín Seco tamén dí que habería que preguntarlle ao alcalde porque no 2019 non informou nin a veciñanza nin a oposición da existencia deste proxecto.