Socialistas de Arteixo

View Original

O Grupo Municipal Socialista propón a creación de parques caninos en Arteixo

A proposta será debatida no pleno de novembro, xunto a outras iniciativas como a mellora dos servizos públicos na zona das rúas das Repúblicas.

Cada vez máis veciños reclaman espazos de esparexemento para os animais.

De acordo coas estatísticas, un de cada catro fogares en España ten cando menos un can e o censo de mascotas non fixo máis que medrar nos últimos anos, tamén en Arteixo. Cada vez son máis as veciñas e os veciños que reclaman espazos de esparexemento para os animais e atendendo a esta demanda, o PSdeG-PSOE vai propoñer no pleno a construción de parques caninos nas zonas urbanas do concello. O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Simón López, considera que “a construción do futuro Parque Central ofrece unha boa oportunidade para crear unha área de lecer deste tipo, pero cremos que é necesario planificar unha rede máis ampla de parques caninos nas zonas con maior densidade de poboación”.

O PSOE de Arteixo reclama un proceso de participación cidadá, aberto a toda a veciñanza, para decidir o emprazamento dos novos parques para mascotas. Deberán ser, en todo caso, espazos delimitados e pechados onde se permita o libre xogo e tránsito de animais sen xerar ningún tipo de molestia a outras persoas. A proposta socialista contempla a instalación de mobiliario para a práctica de “agility”, diversidade de pavimentos, bebedoiros ou dispensadores de bolsas e papeleiras para os excrementos, entre outros equipamentos. Simón López defende que “o goberno ten a responsabilidade de tomar medidas encamiñadas a mellorar a convivencia da cidadanía, pero tamén a facilitar a convivencia entre animais e humanos”.

 

Zona das Repúblicas

Outra das iniciativas que o PSdeG-PSOE presentará no próximo pleno vai encamiñada á mellora dos servizos públicos na zona das rúas das Repúblicas (Uruguay, Artxentina e República Dominicana). O Concello recibiu numerosas queixas sobre as deficiencias na limpeza, a ausencia de zonas peonís ou a falla de iluminación na área axardinada construída en 2019, pero ata o momento non se adoptou ningunha medida ao respecto. “O PP de Carlos Calvelo fai oídos xordos ás reclamacións da veciñanza e ímoslle esixir ao goberno que asuma a súa responsabilidade”, indica Simón López.