O PSOE de Arteixo insta ao concello a chegar a acordos con todas as forzas políticas para facerlle fronte á violencia contra as mulleres
Os socialistas lembran que os concellos teñen a responsabilidade e a obriga de velar pola seguridade e os dereitos dos seus cidadáns e cidadás, garantir contornas libres de violencia e protexer ás vítimas.
De cara ao día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres, o grupo municipal socialista ven de presentar unha moción para instar ao grupo de goberno a facerlle fronte á violencia machista.
A violencia é a consecuencia máis terrible das desigualdades que sofren as mulleres no mundo. Segundo ONU Mulleres, neste 2023 o 30% das mulleres de 15 anos ou máis foron vítimas de violencia física ou sexual polo menos unha vez na vida e en España, a última macroenquisa de violencia contra a muller, informa que 1 de cada 2 mulleres sufriu algún tipo de violencia por razón de xénero.
Os socialistas arteixáns expoñen que a violencia de xénero non é só unha violación dos dereitos humanos, senón que constitúe “un serio obstáculo” para o desenvolvemento dunha democracia plena ”dado que a igualdade entre mulleres e homes está no corazón mesmo de calquera forma de sociedade libre” e é condición “sine qua non” para alcanzar comunidades igualitarias, polo que é necesario aplicar medidas de prevención e erradicación desa violencia.
O voceira socialista, Ana Cedeira, sinala que tan só neste ano 2023, o Goberno de España destina a Galicia máis de 14,7 millóns de euros, dos cales, 13 millóns de euros irán destinados á Xunta de Galicia e 1,7 millóns, aos concellos. “Os concellos temos unha responsabilidade e a obriga de velar pola seguridade e os dereitos dos seus cidadáns e cidadás, garantir contornas libres de violencia, así como protexer ás vítimas” indica Cedeira, coa implicación de todas as forzas políticas.
Polo tanto, o grupo municipal socialista presenta no pleno unha moción para instar ao Concello de Arteixo a ratificar o compromiso coa erradicación e prevención da violencia machista en todas as súas expresións, así como apoiar as iniciativas de sensibilización e educación en igualdade e prevención da violencia machista, e en particular da violencia sexual, poñendo unha atención especial na infancia, adolescencia e mocidade.
Os socialistas tamén reclaman medidas para ampliar a difusión dos recursos existentes para atender casos de violencia contra as mulleres entre a poboación en xeral, as familias e os equipos de profesionais e contribuír de xeito activo á implementación do contido do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, así como colaborar co tecido asociativo que traballa pola igualdade e a loita contra a violencia machista e promover programas de educación afectivo-sexual e de resolución de conflitos en colaboración cos centros educativos do municipio.
Na súa moción, os socialistas tamén instan ao Concello a reclamar á Xunta de Galicia a realizar un estudo sobre o acceso, consumo e implicacións da pornografía online en Galicia, ao tempo que se da cumprimento ao artigo 7 da lei orgánica de garantía integral da liberdade sexual en materia de educación afectivo-sexual e do uso axeitado das novas tecnoloxías para avanzar na erradicación da violencia sexual, incluíndo información sobre os riscos da pornografía en contornas dixitais (sexting, grooming, ciberacoso….).
Tamén demandan que o concello solicite ao goberno galego a elaboración dunha guía con material informativo actualizado en materia de sexualidade que recolla recursos dirixidos ás familias antes de que remate o actual período de sesións, así como unha campaña de grande alcance dirixida á mocidade sobre o perigo do consumo de contidos dixitais pornográficos baseados na violencia sexual contra as mulleres; e como non pode ser doutro xeito, dar cumprimento ás medidas recollidas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero, en particular, de xeito urxente, á medida 135 do Pacto de Estado establecendo Unidades de Valoración Integral Forense con persoal suficiente en todo o territorio galego.
Por outra banda, os socialistas propoñen que dende o Concello débese instar o Goberno de España a garantir o cumprimento da aplicación de sistemas efectivos de verificación da maioría de idade nas plataformas e páxinas web con contidos pornográficos, poñendo os medios suficientes e adoptando os mecanismos necesarios, así como establecer por lei que todos os dispositivos con conexión a internet que se poñan á venta en España conten con un control parental/marental de maneira predeterminada.