Socialistas de Arteixo

View Original

O Grupo Municipal Socialista avoga pola reactivación da vida social e cultural en Arteixo

O goberno do PP desatendeu as demandas do comercio, a hostalería e as asociacións veciñais para retomar a programación interrompida nos últimos dous anos por causa da pandemia.

Representantes do PSdeG-PSOE na Feira 1900

Arteixo leva máis de dous anos coa actividade cultural municipal baixo mínimos. A crise sanitaria obrigou a todos os concellos a cancelar os eventos festivos, pero na inmensa maioría dos lugares foron buscando fórmulas para adaptar os actos á nova realidade e recuperar, na medida do posible, a vida cotiá da cidadanía. En Arteixo, en cambio, o goberno preferiu non retomar o calendario anual de eventos. O PSdeG-PSOE amosara xa, no seu momento, o seu desacordo coa cancelación da Feira 1900 e numerosos colectivos sumáranse naquel momento ás reivindicacións para restablecer a vida cultural sen obter unha resposta satisfactoria por parte do PP de Carlos Calvelo.

Ante a parálise da programación municipal, o Grupo Municipal Socialista reclamará no próximo pleno non só a recuperación das festas perdidas nos últimos dous anos, senón a creación de novas actividades de carácter social, lúdico e cultural para dar resposta ás demandas tanto da veciñanza como do tecido hostaleiro e comercial. O portavoz do PSdeG-PSOE na corporación municipal, Simón López, denuncia que “o goberno do PP segue instalado na inacción e só se organizan as actividades que outras entidades tratan de recuperar ou poñer en funcionamento”.

O concelleiro lembra que “en Arteixo fomos rápidos e eficaces pactando un escudo de protección da actividade económica con axudas a autónomos e empresas”, pero sinala que, neste momento, “a parálise na recuperación da actividade normal é preocupante”. A protección da saúde pública foi unha prioridade, durante os momentos máis duros da pandemia, para o goberno e tamén a oposición, pero as actuais circunstancias esixen, en opinión da agrupación socialista local, xerar unha actividade “necesaria para a vida da cidadanía e para recuperar os ingresos da hostalería e o comercio”.