Socialistas de Arteixo

View Original

O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Arteixo envía ao alcalde unha proposta de declaración institucional contra o proxecto do parque eólico de Carboeiro

Os socialistas arteixáns pregúntanlle tamén ao alcalde que pensa da tramitación excepcional que acaba de anunciar o presidente da Xunta para dous parques eólicos da empresa Greenalia, onde traballa a exconselleira, Beatriz Mato.

Patricia Boedo, voceira do gupo municipal socialista

Os socialistas de Arteixo, tal e como se comprometeran publicamente, enviaron aos voceiros dos grupos políticos con representación no concello de Arteixo  unha proposta de declaración institucional pedindo ao goberno galego que denegue a proposta de autorización do parque eólico de Carboeiro e a declaración de utilidade pública do proxecto sectorial, necesaria para a expropiación das propiedades da veciñanza arteixá.

Nesa declaración institucional tamén inclúen a petición do compromiso do concello para levar a cabo canta iniciativa administrativa ou xudicial sexa necesaria para poñerlle freo e este parque.

Por outra banda, a voceira do grupo municipal, Patricia Boedo, diante do que os socialistas consideran un intento do alcalde de confundir á cidadanía cun decreto do goberno central que non afectaba á tramitación dos parques que se están a planificar no concello, pregúntalle ao alcalde Calvelo que ten que dicir sobre a noticia aparecida esta semana tralo derradeiro Consello da Xunta, onde o presidente Rueda anunciaba a utilización da recente Lei de Áreas Empresariais da administración autonómica, para declarar a excepcionalidade e polo tanto, unha tramitación prioritaria, de dous parques eólicos da empresa Greenalia.

“Cómpre lembrar que a ex conselleira do PP e compañeira no goberno do señor Rueda, Beatriz Mato, forma parte do consello de administración de Greenalia e que esa tramitación permite a súa execución fóra das áreas do Plan Sectorial eólico de Galicia” sinala Boedo.

Proposta de declaración institucional sobre o parque eólico de Carboeiro