Socialistas de Arteixo

View Original

Os socialistas de Arteixo buscan solucións ao grave problema de seguridade peonil na estrada CP-503 que comunica Suevos con Pastoriza ante a inacción do goberno local.

A candidata socialista, Patricia Boedo, obtén o compromiso do voceiro do Grupo Provincial do PSdeG-PSOE na Deputación de A Coruña, Bernardo Fernández Piñeiro, para poñer  dispositivos na estrada que reduzan a velocidade da circulación e a petición a Tráfico para a prohibición de paso de vehículos pesados polo núcleo.

Os socialistas de Arteixo veñen de denunciar novamente o grave problema de seguridade peonil na estrada CP-503 que comunica Suevos con Pastoriza derivado da falla de beirarrúas e dos múltiples vehículos pesados que circulan por unha vía estreita e sinuosa.

A candidata socialista, Patricia Boedo, recorda que “en 12 anos de goberno o PP foi incapaz de tomar medidas e elaborar un proxecto para dotar a esta importante estrada de seguridade para os veciños de Suevos” pese a que noutras parroquias como Loureda, Barrañán, A Cachada en Monteagudo ou Armentón si se fixeron sendas peonís en estradas de ámbito provincial.

O voceiro do Grupo Provincial do PSdeG-PSOE na Deputación de A Coruña, Bernardo Fernández Piñeiro,  reuniuse cos representantes veciñais de Suevos acompañado pola candidata e voceira  do grupo municipal socialista de Arteixo, Patricia Boedo para ver en primeira persoa a inseguridade viaria que vive a veciñanza da zona,

Fernández Piñeiro comprometeuse a instar de urxencia ao goberno provincial para que se tomen medidas inminentes para poñer dispositivos na estrada que reduzan a velocidade da circulación e pedirlle a Tráfico que prohiba a circulación de vehículos pesados por dita estrada no núcleo de Suevos coma en períodos anteriores.

Por outra banda o voceiro provincial socialista informou á veciñanza de Suevos do estado do proxecto de melloras en dita estrada para dotala de seguridade viaria e que unha vez teñan a información necesaria enriba da mesa, convocará aos representantes veciñais para unha reunión onde poidan compartir as melloras necesarias para dita estrada.

Fernández Piñeiro tamén instou á veciñanza a colaborar para que faciliten a posta a disposición dos terreos necesarios para poder proxectar unha senda peonil por unha estrada, esencial para a mobilidade de nenos e maiores na que xa se produciron accidentes graves.

A candidata Patricia Boedo, quen foi a encargada de informar da grave situación que estaba a sufrir a veciñanza de Suevos, declarou que manterá un contacto continuo cos seus compañeiros na Deputación Provincial para que se tomen medidas para a seguridade con axilidade e que estará moi pendente de que se leven a cabo os traballos para o proxecto de seguridade viaria en contacto cos representantes veciñais.