Socialistas de Arteixo

View Original

Martín Seco lamenta que o PP rexeite un plan de impulso para que empresas do sector dos carburantes como REPSOL aposten por investir en Galicia

O deputado socialista e secretario xeral do PSOE de Arteixo defendeu no parlamento unha iniciativa para garantir un modelo máis sostible e unha transición enerxética xusta para os traballadores e traballadoras

O secretario xeral dos socialistas de Arteixo con representantes da sección sindical de UGT na refinería de Repsol da Coruña no Parlamento de Galicia

O deputado socialista Martín Seco reclamou á Xunta de Galicia un Plan de apoio ao sector dos carburantes en Galicia. Con esta iniciativa solicitaba, en concreto, que o goberno galego adoptase medidas para acadar investimentos nas plantas industriais das comarcas afectadas polo proceso de transición enerxética. Tamén que pilotase o proceso dende as súas competencias industriais, “para que non se actúe tarde, tal e como sucedeu coas empresas dependentes do carbón para as que a Xunta non fixo absolutamente nada”.

Deste xeito, pretendía que a Xunta apoiase ás empresas para que aposten polas instalacións galegas nunha transición xusta para os seus traballadores e traballadoras. Porén, o Partido Popular negouse a respaldar esta demanda votando en contra da proposición non de lei defendida hoxe polo PSdeG na Comisión de Industria do Parlamento de Galicia.

O debate foi seguido por representantes da sección sindical de UGT na refinería de Repsol da Coruña, unha das empresas que se poderían ter beneficiado deste plan proposto polo Grupo Socialista. “Mágoa para os traballadores que o Partido Popular non entenda esta iniciativa e que sexa incapaz de comprometerse”, laiouse o parlamentario do PSdeG.

Na súa intervención, Seco lembrou que, nunha reunión co presidente da Xunta en marzo de 2021, o conselleiro delegado de Repsol informou dos proxectos na Coruña, “interesantes pero que non están ao nivel de investimento e importancia que os que esta empresa vai poñer en marcha en outras plantas do territorio español, como Cartaxena ou Bilbao. “E son estes investimentos os que van definir o futuro destes complexos industriais”, remarcou.

Por iso, cualificou de “esencial” que o goberno galego, dentro das súas competencias, poña en marcha políticas activas para conseguir que a multinacional invista en Galicia coa finalidade de potenciar as fortalezas da planta e loitar para que as súas debilidades non sexan determinantes no futuro.

“Galicia”, dixo, “debe estar preparada para que empresas e investidores aposten polo noso territorio na consecución dun modelo enerxético máis sostible e impulsar unha transición que debe ser xusta e potenciadora de novos empregos de calidade”. Nesta liña, incidiu na importancia de que se priorice a aplicación destes fondos naquelas comarcas cunha dependencia do sector petroquímico e outras enerxías de orixe fósil, como é a da Coruña”.

Neste senso, fálase de que Repsol quere promover varios proxectos co paraugas dos fondos europeos. En calquera caso, “sen subestimar estas iniciativas”, Martín Seco sinalou que o complexo industrial da Coruña “non alberga ningunha das grandes actuacións da compañía para o estado español”. “E isto”, lamentou, “lastra o futuro da refinería coruñesa con respecto ao resto de instalacións existentes en España”.

Martín Seco argumentou que as iniciativas de transición deben ter o seu centro de desenvolvemento en comarcas que dependen economicamente dos combustibles fósiles. Polo tanto, argumentou, “cómpre que o goberno do Estado exerza esta discriminación positiva cara estas comarcas”. “Pero tamén o goberno galego”, remarcou.

Así, Martín Seco recordou que a Xunta ten competencias plenas en materia industrial e “non pode seguir de costas ao terrible proceso de desindustrialización que afecta a toda Galicia”. Acusou ao goberno galego de carecer dun plan de futuro para a industria da nosa terra, o que “non garante a actividade existente e que tampouco atrae novos investimentos”.

Alertou de que a comarca da Coruña “leva anos sufrindo esta desidia”, disimulada polos resultados da multinacional Inditex, pero perdendo empresas como Isowat, Caramelo, R, Emesa Trefilería, Sapa,a fábrica de armas ou Aluibérica. E iso malia que a industria xera postos de traballo de calidade, exerce de polo tractor da economía, incide no comercio e na hostalaría e establece marcos laborais de referencia doutros sectores.

No caso do sector dos carburantes, o deputado socialista lembrou que en Galicia está a refinería de Repsol na Coruña, con preto de 1.500 empregos entre directos e indirectos, así como a planta de Masol en Ferrol, que mantén máis de medio cento de empregos, e Vertex Bioenergy, en Curtis, con preto dun cento de empregos.

Todos estes centros, salientou Seco “deberan estar no centro das políticas industriais do goberno galego”. O obxectivo é que “no futuro sexan referentes da actividade industrial e da calidade no emprego para evitar que o noso territorio non se converta nun deserto industrial”.