Socialistas de Arteixo

View Original

O PSdeG-PSOE reclama unha senda peonil e ciclista entre Lañas e Candame

Simón López lembra que a Xunta acometeu unha obra similar no concello da Laracha e lamenta que Arteixo “non conte coa mesma sorte” nas oficinas da administración autonómica.

Proxecto do PSdeG-PSOE para a mellora da seguridade viaria en Candame

Cada día, decenas de persoas camiñan pola beira da estrada AC-552 entre Lañas e o núcleo urbano de Arteixo. Fano por motivos laborais, escolares ou simplemente para pasear, pero as actuais condicións da vía non garanten a seguridade dos peóns, entre os que hai unha gran cantidade de nenos e nenas que fan uso das paradas de bus escolar. O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE entende que o goberno municipal non pode permanecer de brazos cruzados ante esta situación, por este motivo vai reclamar, no próximo pleno, a creación dunha senda peonil e ciclista entre A Hermida, na parroquia de Lañas, e Candame.

O portavoz socialista no Concello, Simón López, considera que “todas aquelas obras que permitan o desenvolvemento dunha mobilidade urbana e interurbana sustentable deben ter carácter prioritario”. Neste sentido, a senda proposta polo PSOE non só incidiría nunha mellora da seguridade viaria na zona, senón que facilitaría os desprazamentos a pé ou en bicicleta fronte a o uso do automóbil nunha zona que actualmente soporta un intenso volume de tráfico.

 

O exemplo da Laracha

A estrada de Carballo é unha vía de titularidade autonómica e a execución da obra correspondería, neste caso, á Xunta de Galicia. Simón López lembra que “o Concello da Laracha recibiu un investimento de preto dun millón de euros, dentro do Plan de Sendas de Galicia, para a creación dun itinerario similar, de 6,7 quilómetros, entre Paiosaco e O Cancelo”. Lamenta que Arteixo “non conte coa mesma sorte nas oficinas da Xunta” e insta ao PP de Carlos Calvelo a esixirlle ao goberno de Feijóo “os investimentos que lle corresponden ao noso concello”. O PSOE presentara xa, no pleno do mes de setembro, unha proposta para a mellora da seguridade viaria en torno á parada de bus de Candame “que podería integrarse perfectamente”, segundo López, no proxecto de construción dunha senda peonil máis estensa.