Os socialistas de Arteixo propoñen a instalación de dous bancos LGTBI para reivindicar a importancia da diversidade
O grupo municipal do PSdeG-PSOE reclama tamén, no pleno do mes de abril, a instalación de puntos de carga para coches eléctricos e o cumprimento da cota do 7% para persoas con discapacidade na oferta de emprego público.
A instalación de bancos LGTBI é unha das ferramentas máis sinxelas, económicas e eficaces que un concello ten á súa disposición para amosar o seu compromiso en contra da homofobia e a transfobia. En moitos concellos de Galicia xa se pintaron elementos do mobiliario urbano coas seis cores representativas do movemento LGTBI, pero Arteixo aínda non realizou ningún xesto neste sentido, algo que os socialistas van reclamar no próximo pleno. O portavoz do grupo municipal, Simón López, cre que a iniciativa “permitiría amosar á cidadanía o valor da diversidade, ao tempo que axudaría a concienciar á sociedade sobre a importancia do respecto mutuo”.
Na proposta do PSdeG-PSOE contémplase a instalación de dous bancos en puntos emblemáticos do termo municipal, un no Paseo Fluvial e outro no Paseo Marítimo. Deste modo, Arteixo seguiría a liña marcada por outros concellos veciños, como A Coruña ou máis recentemente Carballo, que xa deron un paso adiante na defensa dunha sociedade máis igualitaria. O primeiro banco LGTBI foi deseñado en 1978, nos Estados Unidos, polo artista plástico e activista pro dereitos civís Gilbert Baker e a súa obra converteuse, dende entón, nun símbolo da diversidade a nivel mundial.
Outras iniciativas
No pleno ordinario do mes de maio, o grupo municipal do PSdeG-PSOE vai presentar, ademais, unha moción para solicitar a instalación nos próximos meses de dous puntos de recarga para vehículos eléctricos no termo municipal, unha iniciativa que xa está recollida no Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) do Concello de Arteixo. Tamén se preguntará polo incumprimento da cota do 7% de prazas reservadas para persoas con discapacidade na oferta municipal de emprego público, algo que esixe a lexislación autonómica, e presentarase unha moción para instar á Xunta a retomar a atención presencial para as consultas nos centros de saúde.