Socialistas de Arteixo

View Original

O PSOE apoia as demandas veciñais para a construción dun centro social en Morás

O Grupo Municipal Socialista reclama a incorporación, nos orzamentos de 2022, dunha partida para a construción deste equipamento e outra para a execución dunha senda peonil na zona.

Igrexario de Morás

A veciñanza de Morás carece, actualmente, dun local onde reunirse, realizar actividades de lecer ou programar eventos de carácter cultural. Esta é unha das principais demandas que a Asociación de Veciños Rego de Morás puxo sobre a mesa durante a reunión que súa directiva mantivo co Grupo Municipal do PSdeG-PSOE. A entidade  está a desenvolver un interesante proxecto de carácter participativo para a dinamización da parroquia, pero non dispón do equipamento público sociocultural que xa existe noutros lugares de Arteixo.

O portavoz socialista na corporación municipal, Simón López, defende que “temos o deber, como políticos, de axilizar a construción dun centro social que é máis necesario ca nunca” e considera, ademais, que “o Concello ten unha débeda histórica coa xente de Morás”. Por este motivo, o PSdeG vai solicitar, no próximo pleno, que o goberno municipal inicie os trámites precisos para a dotación deste equipamento, incorporando unha partida específica nos orzamentos de 2022 e acordando coa veciñanza o emprazamento idóneo para o novo local.

Senda peonil

Tal como puido constatar a representación socialista na reunión coa Asociación de Veciños, as necesidades da parroquia de Morás van máis alá da carencia dun centro social. Na mesma moción, que se debaterá na sesión plenaria do mes de outubro, proponse a creación dunha senda peonil á beira da estrada que comunica Conzobre co Igrexaro pasando por Morás do Medio. Simón López afirma que “este investimento facilitaría unha mobilidade sustentable entre os distintos núcleos de poboación da zona e suporía un aliciente para que a veciñanza practique deporte ou simplemente poida saír a pasear”.