Socialistas de Arteixo

View Original

Denunciamos o pésimo estado de moitas das zonas verdes do Concello, e solicitamos un Plan de Choque ao Pleno

O Grupo Municipal Socialista demanda de novo en pleno un Plan de Mellora e Actuación Urxente sobre o Paseo Fluvial, o Parque Monticaño e o Paseo Marítimo.

Tamén reclamará cambios no trazado do Proxecto da Liña de Alta Tensión, que afecta ao Val do Rego da Ibia e o Picoto da Veiga, en Monteagudo.

O PSdeG-PSOE de Arteixo solicita de novo en pleno un coidado urxente dos parques de xardíns do municipio. Critica que o Goberno do Partido Popular teña nun estado de abandono as zonas verdes de Arteixo, a consecuencia dunha falta de supervisión por parte do Concelleiro de Medio Ambiente.

Cando o pasado mes de febreiro o Portavoz Socialista, Simón López, traia ao pleno esta queixa, o Alcalde respondía con datos de máis de 1.000.000 de euros en mantemento. “Isto non coincide coa situación de deterioro que sofren estes espazos, así que é preciso explicar á cidadanía o pésimo resultado desa inversión e onde están a ir eses cartos públicos”, denuncia López.

O Parque de Monticaño e o Paseo Marítimo son dúas das zonas onde a agrupación socialista reclama facer unha revisión global e unha mellora do mantemento. E tamén no Paseo Fluvial de Arteixo, onde o deterioro é aínda maior, co sistema de rego á vista, erosión dos bordes do río, mal estado do firme do carril ciclista, deterioro do mobiliario e colectores de fecais que levan anos vertendo ao río, coa inacción do Goberno local.

Un trazado da liña de Alta tensión que non prexudique á veciñanza

O segundo tema que trae ao pleno de agosto o Partido Socialista de Arteixo é a solicitude de cambios no trazado do proxecto da liña de alta tensión. O novo percorrido proposto por Acciona afecta a dúas zonas, o Val do Rego da Ibia e o Picoto da Veiga, en Monteagudo que poden e deben ser preservadas construíndo o trazado máis próximo á autopista ou co seu soterramento.