Socialistas de Arteixo

View Original

As presións do PSdeG-PSOE impulsan a licitación do novo PXOM de Arteixo

Despois de 11 anos de parálise, o Grupo Municipal Socialista reclama axilidade e transparencia, tanto na adxudicación do contrato como no proceso de redacción do novo documento urbanístico.

O goberno municipal de Arteixo remitiu esta semana, aos grupos da oposición, os borradores para os pregos de contratación do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal. As xestións acumulan varios meses demora, xa que o alcalde e o concelleiro de urbanismo expresaran, trala liquidación do anterior contrato, a súa intención de completar este trámite antes de que acabara 2021. En todo caso, o PSdeG-PSOE considera que este avance supón unha nova noticia e o portavoz socialista no Concello, Simón López, sinala que “é o resultado da presión que exercemos, dende o grupo municipal, para poñer orde no urbanismo de Arteixo”.

Dende hai un ano, o PSOE pregunta en cada pleno polos avances na tramitación do Plan Xeral. Ata ese momento, a pesar das promesas de Carlos Calvelo, a situación era de total parálise en torno ao novo documento. O Partido Popular, despois dunha década de maiorías absolutas, só deu un paso adiante o pasado mes de xuño ao rescindir o contrato coa anterior empresa adxudicataria, unha decisión que xa se adoptara no pleno en 2015, pero que tardou seis anos en facerse efectiva. Dende entón, as arcas municipais que afrontar o pagamento de reiteradas indemnizacións e recursos xudiciais derivados da ausencia de planificación urbanística

Axilidade e transparencia

O PSdeG-PSOE anuncia que fará “unha oposición construtiva” para sacar adiante canto antes o novo PXOM, “facendo propostas que favorezan o crecemento ordenado do concello de Arteixo”. No pleno deste xoves, Simón López reclamou “axilidade nos trámites” e advertiu de que van esixir “total transparencia”, tanto no proceso de adxudicación do contrato como na redacción do documento. Na súa opinión, “xa vai sendo hora de poñer o urbanismo ao servizo da cidadanía, porque ata agora o PP de Calvelo só se deixou guiar polos intereses dos especuladores”.