Socialistas de Arteixo

View Original

Unanimidade para esixir á Xunta que cumpra cos prazos das axudas á dependencia

Unha veciña de Arteixo de 90 anos leva máis de nove meses á esperar de que lle aproben a axuda á dependencia que lle corresponde. “Non é o único caso”, recordou Simón López, voceiro do grupo municipal socialista, durante a exposición de motivos da moción que levamos ao pleno para esixir á Xunta o cumprimento efectivo do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, e da Orde do 2 de xaneiro de 2012, especialmente no referente aos tempos de resolución de solicitudes. Unha iniciativa que contou co respaldo de toda a corporación arteixá. “Cabe recordar que Galicia é a segunda comunidade que menos inverte en dependencia”, subliñou López.

Sen saír do ámbito de servizos sociais, o PP foi o único grupo da corporación en votar en contra da moción do concelleiro non adscrito para que Arteixo conte cun Plan de Inclusión Social. Ao mesmo tempo, o grupo conservador presentou unha moción á que votamos en contra, para garantir o dereito á propiedade privada. “Un texto que chega directamente dende Madrid, cando en Arteixo hai 0 okupacións e unha alarma intencionada. O que ten que facer a Xunta e o Concello é promover a vivenda pública e garantir o dereito constitucional á vivenda, para que ás familias non sufran desafiuzamentos, como aconteceu hai pouco no noso concello”.

 

Paseo fluvial e escola de Vilarrodís

No pleno houbo unanimidade da corporación para a expropiación definitiva para a ampliación do paseo fluvial ata O Rañal. Aínda que votamos a favor por ser unha obra “fundamental de gran importancia para toda a cidadanía”, López solicitou ao Goberno local que leve a cabo melloras no tramo entre a avenida do Balneario e a avenida de Fisterra, afectado por vertidos continuos de fecais.

O PSdeG levou unha moción para que o Goberno local faga “dunha vez por todas” a urbanización do entorno da escola infantil de Vilarrodís. No texto esiximos que se garanta a seguridade do acceso a pé dende o núcleo urbano de forma temporal e que se comece a executar o plan especial do entorno da escola infantil de Vilarrodís prometido e presentado á Corporación e á cidadanía “sen que tiveramos máis noticias ao respecto”. A moción foi rexeitada polo PP, co argumente de que acaban de aprobar fai uns días o Plan Especial (que é de 2018).

Mobilidade

No referente ao convenio coa Xunta para o transporte na área metropolitana, abstivémonos porque “é necesario mellorar as frecuencias e as liñas do transporte público”, para garantir un transporte público de calidade. Por outra banda, votamos a favor –como o resto da corporación- da moción dos nacionalistas para a mobilidade sostible en Arteixo.