Socialistas de Arteixo

View Original

Visitamos Meicende para coñecer as eivas e propostas veciñais

O voceiro do grupo municipal socialista, Simón López; a secretaria de Organización, Tamara Figueroa, e o militante Pablo Amado visitaron Meicende con veciños do núcleo para coñecer as súas propostas e as eivas da zona. A primeira parada foi nas Eiras, onde os veciños manifestaron o seu malestar por levar en obras máis de ano e medio.

“O proxecto está paralizado por unha expropiación, pero hai unha parte, a que está preto do camiño dos Lagos que xa está para rematar. O Goberno local podería terminar os saneamentos e asfaltar esta zona que leva máis dun ano embarrada, coas molestias que iso supón para os veciños”, explica López.

Case ao lado atópase o camiño dos Lagos. Unha ruta cuberta por maleza porque “Medio Ambiente desbrozou por onde non era. É necesario recuperar o camiño orixinal e arranxalo para que os veciños poidan usalo”.

Capítulo propio merecen os plumachos. Hai unha parcela completamente cuberta por estas invasoras no entorno do paseo, tamén se atopan por ducias na parte do embalse máis próxima á Coruña. “Cando se dan en zonas privadas, haberá que pedirlle aos propietarios que limpen e nas zonas públicas o Concello algo terá que dicir para eliminar estes plumachos, e non só en Meicende, se non en todo o municipio”, indica López.

As propostas

Unha das eivas que resaltan os veciños de Meicende é a falta de espazos públicos cubertos. “Hai varios puntos onde se podería estudar a instalación dunha cuberta como a praza de Butano, para que os rapaces poidan xogar todo o ano, ou no parque de Sobrado, onde hai un pequeno merendero”.

Xunto a recuperación do trazado orixinal do camiño dos Lagos, os residentes queren recuperar o camiño que vai desde o embalse ata o Quinto Pino, que pasa por A Furoca. “Recuperar estes camiños permitirían aumentar os sendeiros peonís e darlle aos cidadáns alternativas para que poidan pasear máis aló do entorno do embalse”, expón López.

Outra das propostas que trasladaron os veciños aos socialistas é a adquisición por parte do Concello dalgunha parcela que serva como aparcadoiro, entre outras iniciativas que trasladaremos ao Goberno local.