Socialistas de Arteixo

View Original

Pedimos a instalación urxente de bancos e sombra na praza de Lañas

A falta de limpeza e o deficiente servizo de recollida de lixo son algunhas das queixas que nos trasladaron os veciños de Lañas, durante o percorrido que fixemos pola parroquia. O voceiro do grupo municipal socialista, Simón López, as concelleiras Charo Figueiras e Susana Lebón e a secretaria de organización, Tamara Figueroa, reuníronse con representantes da asociación veciñal.

“Unha das actuacións que imos solicitar xa é a instalación de bancos e sombra na praza de Lañas. É unha inversión mínima que melloraría a calidade de vida dos veciños e veciñas do entorno, cun espazo de reunión ao aire libre, fundamental nos tempos que corren”, apunta López, que engade que “non ten sentido facer unha praza e deixala baleira, hai que rematala para o desfrute da veciñanza”.

Varios camiños da parroquia necesitan ser limpados e unha rehabilitación integral en moitos casos. “A falta de coidado das pistas e camiños de toda a vida é unha constante en todo o concello. É necesario un programa anual para a limpeza e conservación destes sendeiros en todo o municipio”, afirma o voceiro socialista.

Despois de falar cos veciños, reclamaremos ao Goberno local que leve a cabo unha serie de actuacións de mellora do entorno do centro social, e esixiremos que soliciten á Xunta melloras na seguridade viaria na AC-552.