Socialistas de Arteixo

View Original

Preguntamos no Parlamento galego polo novo colexio de Arteixo

Os deputados socialistas recordan que o número de alumnos por aula no Ponte dos Brozos é “insoportable”, situación que empeora coa pandemia da Covid-19

Os socialistas queren coñecer os avances concretos sobre un centro que se anunciou no 2017 

Os deputados socialistas, a iniciativa de Martín Seco, teñen presentado unha pregunta no Parlamento galego para coñecer os avances concretos sobre o novo colexio, anunciado pola Consellería de Educación e o Concello de Arteixo no 2017. Ambas entidades fixeron público a través de medios de comunicación que o novo centro contaría con 450 prazas e que sería o Concello o encargado de entregar no 2019 os terreos á Xunta para a súa construción. “Desde entón, non tivemos máis información a pesar de que o grupo municipal do PSdeG a solicitase en varias ocasións ao Goberno de Arteixo”.

O municipio é un dos concellos galegos con máis crecemento demográfico e conta cun dos colexios “máis saturados” e con máis alumnos de toda Galicia, o CEIP Ponte dos Brozos, con un número de estudantes por aula “insoportables”, ata o punto de ter acondicionado aulas en “espazos que deberían de ter outra utilidade”.

Esta situación empeora coa epidemia da Covid-19 e a necesidade de adaptar as aulas a  “un menor ratio de alumnos, sen que a Consellería de Educación e o Concello de Arteixo desen unha solución a unha problemática da que son coñecedores hai máis de cinco anos”.

Desde o 2016 o PSdeG leva solicitándolle ao Concello de Arteixo e á Xunta de Galicia a construción de novas infraestruturas educativas. O colapso nos colexios do concello xa está a chegar aos IES, que contan cada vez con máis alumnos polo mero avance demográfico de Arteixo.

No último pleno municipal, o grupo socialista interesouse polos avances do novo colexio, ademais de preguntar se esta infraestrutura educativa serviría para solucionar o desbordamento dos centros de Infantil e Primaria, ou tamén, para cubrir a sobrecarga que sofre o IES.