Solicitaremos que se inicie canto antes o traslado da Fonte do Abade
O Concello firmou en 2018 un convenio urbanístico con esta finalidade sen que pareza que teña habido avances nesta petición veciñal
A veciñanza da parroquia de Oseiro leva anos pedindo o traslado da Fonte do Abade. En 2018, o Concello firmou un convenio urbanístico con esta finalidade no que se incluía a creación dunha pequena zona pública. Os socialistas inciden en que “na súa actual situación é perigosa tanto para os vehículos como para as persoas que queiran achegarse a ela, e o seu estado de conservación non é bo”.
Dado que xa pasaron dous anos de aquela rúbrica, o grupo municipal socialista quere saber en que estado de execución se atopa a citada obra e, ademais, leva un rogo ao pleno de agosto, para que o Goberno local inicie o seu traslado antes de que remate este ano.
Por outra banda, os socialistas inquirirán na mesma sesión plenaria sobre a situación na que se atopa unha parcela destinada a ampliar o paseo fluvial. Dita finca atópase na travesía de Arteixo, nunha zona cualificada como Solo Urbano Residencial e Terciario en Edificación Aberta (URTA). Nas normas urbanísticas “resérvase toda a marxe do río existente para terreos de propiedade pública”, non obstante, no Catastro a citada parcela “non aparece segregada, e a zona que debería ser de propiedade de todos e todas, do Concello, non parece diferenciarse da parcela do edificio onde está o Eroski”.
Os socialistas preguntarán no pleno se o Concello consta no Rexistro da Propiedade como titular da zona VF (Paseo Fluvial) e, polo tanto, se a promotora cedeuna, como tiña a obrigación. “No caso de non ser así, que responsabilidades se lle esixiron?”, cuestiona o grupo municipal do PSdeG.