OS SOCIALISTAS RECLAMAN Á EXENCIÓN DA TAXA DO LIXO PARA OS NEGOCIOS QUE TIVERON QUE PECHAR DURANTE O ESTADO DE ALARMA
O grupo municipal preguntará no próximo pleno sobre as medidas de limpeza e desinfección nos centros educativos e como será o protocolo
Ante a evolución da pandemia, solicitarán que se convoque de maneira urxente a Comisión de Seguemento do Coronavirus
O grupo municipal socialista levará ao próximo pleno de Arteixo diferentes iniciativas relativas ao coronavirus como a exención da taxa da recollida do lixo para os negocios do municipio. Coa intención de axudar aos autónomos e pequenas empresas, os socialistas reclamarán a bonificación deste imposto para aqueles negocios que tiveron que pechar durante o estado de alarma.
“Durante ese tempo, a súa xeración de residuos sólidos urbanos foi, na práctica, nula”, expoñen desde a formación. Por elo, e posto que moitas pemes están nunha situación complicada, o grupo socialista considera que “o xusto” é que non teñan que aboar a devandita taxa.
Nunhas semanas terá lugar a volta a clase de toda a comunidade educativa. “Somos conscientes do importante papel que, para que esta volta sexa segura, van desempeñar os servizos municipais de limpeza” e recordan que será necesario aplicar medidas moi estritas que aumentará a carga laboral de dito persoal.
Por elo, os socialistas preguntarán sobre o protocolo de limpeza que se vai aplicar nos centros educativos; se as instalacións cuxa limpeza depende do Concello están desinfectadas a día de hoxe e se está previsto un aumento de persoal para garantir que se pode levar a cabo correctamente dito protocolo.
Coa intención de estar informados e poder contribuír e colaborar na contención da pandemia, os socialistas solicitarán a convocatoria urxente da Comisión de Seguemento do Coronavirus, ante a situación actual -cando menos preocupante- na comarca da Coruña, co aumento de casos que afecta directamente a Arteixo. O grupo municipal recorda que en maio, a través desta comisión, se daba información puntual aos grupos da corporación que tamén podían participar da toma de decisión. Dada a evolución da pandemia, os socialistas consideran que é urxente contar con este órgano xa que o Concello ten importantes responsabilidades na loita contra o espallamento do virus.