O PSOE PREGUNTARÁ POLO NOVO COLEXIO “ANTE O ELEVADO NÚMERO DE ALUMNOS POR AULA E O AUMENTO DE MATRÍCULAS”
Os socialistas interesaranse no pleno de Arteixo polos atrasos dos recibidos da recollida do lixo e do servizo da auga
“A toda a corporación preocúpanos o elevado número de alumnos por aula e o aumento de matrículas nos nosos colexios”. Sobre todo nos momentos actuais, a construción dun novo centro educativo en Arteixo “precisa dunha maior premura”, aseguran os socialistas. Por elo, o grupo municipal preguntará ao Goberno local no pleno deste mes por varias cuestións, comezando por se xa teñen decidida a súa localización ou se hai data para o seu inicio.
Engaden que tipo de centro se vai construír e se dará solución “unicamente ao desbordamento dos centros de infantil e primaria ou tamén se prevé que poida cubrir a sobrecarga que sofre o instituto?”.
Outra das cuestións que levarán os socialistas ao pleno deste xoves ten que ver coa situación “lamentable” do envío dos recibos da recollida de residuos e do servizo de augas. Explican no seu escrito que no caso dos da recollida de residuos sólidos urbanos, o Concello “está a cobrar o primeiro semestre do ano 2019 e, aprobado padrón –pendente de cobro- do último semestre do 2019”. No caso do servizo municipal de augas, “está aprobado e cobrado o cuarto trimestre do 2019”, e aprobado no BOP de hoxe, 25 de agosto, o padrón do primeiro trimestre.
Esta situación supón un prexuízo para comerciantes e empresas de Arteixo. “A actual normativa sobre o IVE indica que para que estas empresas poidan deducir o gasto, deben dispoñer da correspondente factura”.
Por outra banda, o Marco Conceptual do Plan Xeral Contable das empresas inclúe o principio de devengo, “unha norma contable que establece que as transaccións ou feitos económicos se deben rexistrar no momento en que ocorren, con independencia da data do seu pago ou cobro”, explican os socialistas. Engaden que o regulamento de facturación “é moi estrito cos prazos que deben cumprir as empresas. O Concello debe actuar coa mesma celeridade, contratando o persoal necesario, formándoo, e dándolle todos os medios materiais precisos” para que se poñan ao día os padróns fiscais.