Socialistas de Arteixo

View Original

O PSdeG DENUNCIA A DESIDIA DO CONCELLO DE ARTEIXO CO INGRESO MÍNIMO VITAL


“Mentres Concellos como A Coruña ou Cambre xa teñen tomado medidas para axudar a súa veciñanza, en Servizos Sociais de Arteixo non dan ningún tipo de información e derivan ás persoas ao INSS”

O grupo municipal preguntará no próximo pleno sobre o IMV, despois de recibir múltiples queixas de familias solicitantes


Os socialistas denuncian “a desidia” do Concello de Arteixo á hora de axudar á veciñanza coa tramitación do Ingreso Mínimo Vital. “Nestes días lemos nos medios de comunicación como outros Concellos como A Coruña ou Cambre xa teñen tomado medidas para axudar a súa veciñanza, mentres o Goberno local de Arteixo non da ningún tipo de información e deixa a súa sorte ás familias usuarias e deriva ás persoas ao INSS”.

Pero as queixas que teñen trasladado usuarias e usuarios de Servizos Sociais van máis alá: as citas previas alárganse demasiado no tempo, a entrega dos certificados necesarios é moi lenta, sen contar que, moitas persoas non teñen medios telemáticos. Subliñan desde a formación socialista.

A propia concelleira de Servizos Sociais asegurou á prensa que practicamente se teñen duplicado as solicitudes de axuda a raíz da crise do coronavirus. Ademais de ser moitas familias as prexudicadas, a problemática é dobre posto que, a falta de compromiso do departamento que dirixe Inés Ramos implica que poidan perder o IMV ao que teñen dereito con carácter retroactivo desde xuño, sempre que se solicite antes do 15 de setembro.
Recorda o grupo municipal do PSdeG-PSOE que no pleno de xuño aprobouse unha moción para solicitar información ao Estado sobre o Ingreso Mínimo Vital, que recentemente ten aprobado o Goberno presidido por Pedro Sánchez. Nesa sesión, expuxemos a facilidade da tramitación ao ser multicanal, e, agora, podemos ver como municipios da contorna xa teñen firmado acordos coa Seguridade Social para reducir os trámites administrativos.

“É unha cuestión de voluntariedade”, afirman desde o grupo socialista. Expoñen que no próximo pleno preguntarán ao Goberno local que pasos ten dado para axudar á veciñanza a xestionar as solicitudes do IMV; se xa teñen un acordo coa Seguridade Social para reducir os trámites administrativos, máxime cando “a maioría da cidadanía non ten a Chave ou o certificado dixital”.

“É fundamental que a Concellaría de Servizos Sociais se involucre e comprometa para que a veciñanza teña garantidos todos os recursos e ningunha persoa quede desamparada”, conclúen desde o grupo municipal socialista.