Socialistas de Arteixo

View Original

O Grupo Municipal Socialista pide un esforzo ao Goberno Local de Arteixo para dotar á poboación de mascarillas para poder efectuar as súas compras diarias.


“Dende o Grupo Municipal Socialista, igual que fixemos outras propostas, sempre en sentido positivo, esperamos que o Goberno Local teña en conta esta solicitude, para poder axudar á nosa cidadanía a protexerse ante esta epidemia” declara o seu voceiro Martín Seco


Son moitos os cidadáns de Arteixo que desexan poder atopar material para protexerse do Coronavirus, cando teñen que saír das súas casas durante o confinamento, dende o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE cremos que o Goberno Local do Concello de Arteixo debera facer un esforzo para intentar dotar a nosa poboación dese material de protección, para cando saen a mercar produtos necesarios para a subsistencia diaria. 

Entendemos que neste momento non é necesario entrar nun mercado internacional saturado e que é necesario para sanitarios e profesionais que están a realizar o seu traballo neste duro momento, senon que se podería levar a cabo coa fabricación de mascarillas de tela, que se puidesen lavar e reutilizar, sexa por vía de colaborar con material dende o concello coas cidadás que están a fabricar manualmente mascarillas de tela ou tratar de conveniar con algúns talleres de costura, agora pechados polo decreto gubernamental, para que fabricaran mascarillas de tela para toda a poboación, asumindo o custe laboral e material dende o Concello.

Ademais dende o Concello se podería coordinar a distribución, tanto se é por vía de envío postal como buscando colaboración entre os posibles puntos de recollida de dito material, lugares que están abertos ao público, farmacias, estancos, librerías, venta de alimentos,…