O Grupo de Goberno do PP leva oito anos prometéndolles aos traballadores do Concello de Arteixo unha Valoración de Postos de Traballo, a derradeira vez xusto antes das eleccións municipais, cando a Mesa Xeral do Concello aprobou unha proposta que Calvelo lles dixo que aprobaría sen modificacións, mentres o Goberno Local agóchase na Casa Consistorial, o enfado e cansazo nos traballadores municipais vai en aumento, cun número elevado deles de baixa e mentres observan como o número e salario dos gobernantes e asesores crece exponencialmente
No ano 2011 o goberno do PP de Carlos Calvelo, facía estas declaracións:
https://www.laopinioncoruna.es/gran-coruna/2011/07/05/ayuntamiento-arteixo-presentara-organigrama-trabajadores-despues-verano/511536.html.
Ano tras ano, sobre todo nos períodos electorais de Maio de 2014 e Maio de 2019, o goberno de Carlos Calvelo dicía ter avanzada a negociación da nova Valoración de Postos de Traballo. Incluso neste ano, dixo ter xa unha proposta feita pola parte sindical e aprobada pola Mesa Xeral que sería aprobada polo goberno local sen ningún tipo de modificación, nada raro nun equipo que carece de persoal político preparado para a xestión do persoal e se dedica a nomear asesores pola súa vinculación política ou familiar ao Partido Popular.
Dende que Carlos Calvelo fixo estas afirmacións, dende o Grupo Socialista preguntamos en tres plenos diferentes pola situación na que se atopa esta valoración de postos de traballo sen ter contestación e incluso preguntamos a Interventora Municipal por esta situación, que dixo descoñecer esta proposta.
O Comité de Empresa e a Xunta de Persoal do Concello, levan preguntando meses pola prometida aprobación desa proposta e o goberno local segue sen mover ficha, mentres o enfado e cansazo dos traballadores municipais vai en aumento, co que isto significa para o servizo que reciben os cidadáns do noso concello e os propios traballadores.
Situacións denunciadas de posible acoso, persoal ao que se lle despraza continuamente sen a súa aprobación, xente alonxada das súas funcións por non ser cómodos para o goberno, despidos inxustificados e anulados pola maxistratura, trato diferenciado a persoal que realiza o mesmo traballo tanto no social como no salarial, un elevado número de baixas laborais, a Policía Local sen un número importante de efectivos, incluso durante períodos punta como é a Feira 1900, onde non se visualizaba a presencia do noso corpo de seguridade local.
O Concello de Arteixo con máis de 30.000 habitantes e máis de 40 millóns de euros de orzamento non se merece unha xestión tan deficiente e Carlos Calvelo non pode seguir vivindo das promesas incumpridas de fai oito anos. O servizo de augas e recollida do lixo non pode seguir nunha situación tan deficiente, cunha falla tan evidente de persoal, con tres tipos de traballadores diferentes na recollida, sen que se levaran a cabo os procesos para normalizar a situación laboral do persoal que actualmente presta o servizo e cando en Decembro remata a situación que teñen os empregados subrogados da empresa que antes xestionaba o lixo dende o Consorcio das Mariñas e os que se contrataron no proceso de contratación temporal levado a cabo posteriormente. Esperemos que dende o Goberno Local tomen as rendas para proceder do xeito indicado polos técnicos municipais e non vexamos unha vez máis que se esquiva a lei por non proceder a tempo, cando o servizo do lixo se municipalizou en 2017.
“
O Goberno Local pode seguir escondido no interior da Casa Consistorial, pero os cidadáns deben de saber porque existe unha mala xestión do persoal do Concello e porque existen deficiencias nos servizos que prestamos a cidadanía cos seus cartos, iso si, para os amigos e familiares do PP contratados a dedo, non hai problema de salarios e a falla de capacidade de xestión e cada día máis notoria” di o voceiro Martín Seco.