Os socialistas propoñen dotar a Meicende da segunda comisaría de Policía do concello - Municipais #26M
O PSdeG-PSOE aposta por unha reorganización do corpo para poñer en marcha unha Brigada Verde e a Policía de Barrio
Martín Seco, candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Arteixo, explica que o seu proxecto para o municipio en materia de seguridade inclúe a reorganización do corpo da Policía Local, para optimizar os seus recursos. Unha das medidas que os socialistas propoñen é a dotación dunha comisaría en Meicende, a segunda do municipio.
“Temos que intensificar a presencia dos nosos axentes nas zonas urbanas, para dar unha resposta rápida aos veciños e veciñas. Ademais, unha comisaría en Meicende tería un efecto disuasorio, e polo tanto, de prevención de actos delituoso”, explica Seco.
Os socialistas especifican no seu programa electoral a posta en marcha da Policía de Barrio, para estar máis preto da veciñanza e coñecer de primeira man a problemática de cada zona e dar o mellor servizo posible.
O programa do PSdeG-PSOE para Arteixo conta con varias medidas orientadas ao medio ambiente, para mellorar a calidade de vida dos veciños. Nesta liña, os socialistas propoñen a posta en marcha dunha Brigada Verde, dentro da Policía Local. “O noso municipio sofre con frecuencia vertidos e hai vertedoiros incontrolados por todas partes. Queremos darlle unha solución e a Brigada Verde encargarase de vixiar que non se produza e buscar a orixe para que non se repita”, indica Seco.