Os socialistas de Arteixo queren poñer en marcha unha rede de ludotecas para facilitar a conciliación - Municipais #26M
O apartado social do programa do PSdeG-PSOE de Arteixo inclúe medidas como unha Oficina Municipal de Vivenda que impulse o alugueiro social para a xente moza e as familias que o necesiten
Unha rede de ludotecas para facilitar a conciliación, unha Oficina Municipal de Vivenda, a segunda residencia de maiores en Pastoriza ou programas específicos para a comunidade educativa son algunha das medidas que o PSdeG-PSOE de Arteixo ten incluído no seu programa electoral. “O noso obxectivo é mellorar a vida dos nosos veciños e veciñas e cremos que a administración debe facer políticas pensadas para facer máis fácil o día a día da veciñanza”, subliña Martín Seco, candidato socialista á Alcaldía de Arteixo.
A Oficina Municipal de Vivenda persegue tres obxectivos fundamentais: ofrecer alugueiros sociais para a xente moza e ás familias que o precisen; lograr o obxectivo de 0 desafiuzamentos e impulsar un programa de vivenda compartida entre a xuventude e os maiores, para combater a soidade.
Outra das medidas para dar resposta ás necesidades dos maiores do municipio é a posta en marcha dun segundo centro de maiores en Pastoriza. “Despois de comprobar a lista de espera que ten o novo centro de maiores, cremos que é urxente dotar ao municipio dun segundo centro de maiores”, expón Seco.
Coa intención de evitar os conflitos e expulsións dos escolares, o socialistas elaborarán un Proxecto contra o absentismo escolar no que, ademais, se vixiarán as faltas a clase. Redactarán un Plan Municipal contra o Acoso Escolar que inclúa redes de mediación.
“
Os servizos sociais do noso concello necesitan unha reorganización dos recursos, ademais de marcarse obxectivos específicos e cuantificables, por iso, imos elaborar unha Estratexia de Inclusión Social”, explica Seco.
En primeiro lugar, os socialistas queren reformar a ordenanza de emerxencia social para dar cobertura ás necesidades e os subministros básicos de todas as familias. Para dar unha resposta rápida a casos de risco social, o obxectivo dos socialistas e que cada caso teña un profesional asignado nun prazo máximo de dez días hábiles.
Apostan polo sistema de bonos comedor para as persoas en risco de exclusión, unha medida que, ademais, beneficiaría á hostalaría do municipio. Elevar o orzamento neste capítulo, asignando á partida de actuacións de protección e promoción social un mínimo de 150€ por habitante e ano. A última medida é a elaboración dunha estratexia específica para os colectivos e etnias minoritarias presentes en Arteixo.