Socialistas de Arteixo

View Original

O PSOE de Arteixo propón rexenerar a canteira de Barrañán e celebrar alí un festival de música - Municipais #26M



Os socialistas inclúen no seu programa unha batería de políticas destinadas á mocidade como alugueiros sociais, becas ou programación cultural todas as fins
de semana


“A mocidade en Arteixo parece que non existe para o Goberno do PP. Desde o PSdeG-PSOE cremos que é necesario facer políticas concretas orientadas á vivenda, o emprego e formación e tamén á cultura e ao ocio”, asegura Martín Seco, candidato socialista. Dentro deste último apartado, propoñen a rexeneración da canteira de Barrañán para celebrar alí un festival de música, ademais de poñer en marcha un programa de ocio todas as fins de semana.

No apartado social, o PSdeG-PSOE de Arteixo, “conscientes dos problemas que ten a mocidade para independizarse”, quere impulsar os alugueiros sociais, dentro da Oficina da Vivenda que recollen no seu programa. Así como becas para o estudo de idiomas no estranxeiro e a inclusión de robótica e xadrez nos centros educativos.

Os socialistas queren que a rede de bibliotecas do municipio dispoñan de salas de estudo. Unha actuación que poderase levar a cabo unha vez que se constrúa a Casa das Artes, que se dotará de locais de ensaio e dunha Escola de Danza. “Estas son algunhas das eivas que temos detectado ao falar ca veciñanza, como a falta de apoio aos deportistas locais que nós queremos corrixir cunha liña de axudas”, indica Seco.

O candidato socialista subliña que se chegan á Alcaldía, establecerán mecanismos para que a mocidade do concello participe da vida pública. Para elo, “haberá representantes xuvenís no Concello”, explica Seco.

Todas estas medidas compleméntanse con outras políticas dirixidas a máis sectores de poboación, como por exemplo a bolsa de emprego que nutrirá de traballadores á Empresa de Servizos ou as diferentes políticas de Servizos Sociais.