Socialistas de Arteixo

View Original

O PSdeG-PSOE propón un parque lineal en Vilarrodís para mellorar a calidade de vida dos seus 3.200 veciños



O aumento de zonas verdes e espazos para a rapazada e as persoas maiores fomentará a actividade comercial

Trátase dunha primeira fase e o plan para este núcleo inclúe a ampliación de beirarrúas e unha nova rotonda para garantir a seguridade viaria e a accesibilidade 



Os socialistas de Arteixo propoñen unha serie de actuacións que melloren a calidade de vida dos 3.200 veciños de Vilarrodís, fomenten a actividade comercial do núcleo e garantan a seguridade viaria e a accesibilidade ao centro de saúde, o campo da festa, a escola infantil e o paseo fluvial.

O PSdG-PSOE quere ampliar as zonas verdes coa creación dun parque lineal na avenida de Manuel Platas Varela. Haberá así novas zonas de sombra e arborado e espazos de estancia para a rapazada e as persoas maiores. Esta actuación estará acompañada da ampliación das beirarrúas, para que teñan dous metros de ancho como mínimo. Mantéñense todas as prazas de aparcamento nesta vía.

Esta é unha primeira fase que beneficia ao núcleo de Vilarrodís, pero a actuación continuará na avenida principal ata Pastoriza.

O proxecto socialista inclúe a creación dun aparcamento que servirá como campo da festa a carón da escola, cunha zona destinada a equipamento que poida albergar unha nova infraestrutura a medio prazo.

Unha das propostas do PSdG-PSOE para garantir a accesibilidade e a seguridade viaria do núcleo é a construción dunha rotonda á altura do centro de saúde e o campo da festa/aparcamento, así como á futura escola infantil programada dentro do plan parcial iniciado, e danse as solucións de accesibilidade cara a escola, que temporalmente haberá que establecer. Esta actuación evitará os xiros á esquerda, eliminando o carril central da avenida.