Os socialistas lamentan que a situación do PXOM estea igual que hai dous anos
O PSdG-PSOE de Arteixo preguntou no pleno pola situación para contratar unha empresa que redacte o plan xeral, posto que na sesión de hoxe o Goberno local levaba un novo cambio nas normas urbanísticas, neste caso do polígono de Sabón. Unha modificación que se suma á veintena que leva feito o Goberno de Carlos Calvelo, desde que o PP chegou á Alcaldía en 2011.
“En marzo de 2015, e despois da iniciativa do grupos da oposición, o pleno decidiu resolver o contrato que tiña o Concello para a redacción do novo PXOM, levamos anos escoitando por parte do Goberno local que se resolverá o contrato en breve e sacaría un novo prego de condicións para unha nova licitación, pero seguimos igual”, expón Martín Seco, voceiro socialista. Unha resposta que se repetiu hoxe, “unha vez máis escoitamos que o prego xa está listo a falta dunhas correccións”, lamenta o candidato socialista.
Todas estas modificacións, estudos de detalle, unidades de actuación, plans parciais... Deberían estar planificadas dunha maneira global, buscando o beneficio xeral dos veciños e dando respostas as súas necesidades nun plan urbanístico.
SEGURIDADE VIARIA
O grupo municipal socialista exixiu ao Goberno local medidas de seguridade viaria en senllos puntos de Vilarrodís e Larín dado o perigo que supón para a veciñanza en xeral, e para os rapaces cando van a escola en particular.
No caso do núcleo de Vilarrodís, o problema dáse sobre todo en horario de entrada e saída do colexio posto que non hai beirarrúas. A solución pasa por actuar urbanisticamente cun plan parcial posto que non se está a desenvolver o plan xeral, pero, “temporalmente habería que actuar para garantir a seguridade dos viandantes e moito máis se son persoas con mobilidade restrinxida”.
“O alcalde dixo que era coñecedor do problema e que estaban a estudar algunha solución. A mesma resposta que escoitamos hai case cinco anos”. O voceiro socialista exixiu “que se poñan en marcha iniciativas no territorio, ou Policía Local, para facilitar un camiño seguro ao colexio, e se pode ser con medios físicos que favorezan a circulación de viandantes todo o día, mellor”.
PARADA DE BUS EN LARÍN
A maiores, o grupo municipal socialista levou ao pleno os problemas de seguridade viaria que se suceden “ao longo da AC-552, estrada na que existen moitos puntos de preocupación dos viandantes que teñen que coller o bus, moito máis se os afectados son menores que usan o bus escolar ou persoas maiores con problemas de mobilidade”, subliñou Seco. Unha situación que se repite en puntos como Candame, Lañas ou Larín, sen que a Xunta lle dea unha solución.
Neste último caso, a veciñanza reclama “algunha fórmula para poder cruzar con seguridade e poder ir a parada de bus de Casas Novas, que se atopa un punto onde os coches pasan a 90 km/h e moitas veces, a maior velocidade”. Unha situación grave de por si, que aínda é peor en horario escolar, xa que “os nenos pequenos teñen que cruzar á parada para subirse ao bus escolar”.