A cafetería do centro cívico de Arteixo leva medio ano pechada á espera de que o Concello licite a concesión
A cafetería do centro cívico de Arteixo leva preto de medio ano pechada porque o Goberno local do PP non foi capaz de sacar adiante o concurso para a súa licitación. Desde o PSOE consideran que este é un novo exemplo do “colapso e a falta de xestión no departamento de Contratación”.
Recordan desde a formación política, que a última persoa en ter a concesión xubilouse, “algo que non é un imprevisto” máis cando dita concesión levaba tempo caducada, e o Goberno do PP non foi capaz de planificar un procedemento “sinxelo” que permitiría o relevo na xestión da cafetería.
O voceiro socialista, Martín Seco, incide en que “os usuarios do centro cívico perderon este servizo, así como as persoas que a diario percorren o paseo fluvial”. O portavoz do grupo local do PSOE pide “celeridade” ao Goberno local “non só para dar de novo este servizo, senón tamén para favorecer a creación de postos de traballo a través do emprendimento, xa que nun proceso aberto e en igualdade de condicións, calquera veciño ou veciña de Arteixo podería optar a esta concesión”.