Socialistas de Arteixo

View Original

A reapertura de Radio Arteixo votarase no próximo pleno, a finais de xaneiro, cunha moción presentada polo PSOE



O Partido Socialista de Arteixo, tras 6 anos escoitando a promesa do alcalde Calvelo de crear unha “plataforma multimedia” para substituír á radio municipal, solicitará directamente no vindeiro pleno iniciar os trámites para a reapertura da devandita radio. 

Pediremos a convocatoria do Consello de Administración da Radio Municipal, co nomeamento dos membros que correspondan, para a continuación planificar a reapertura en analóxico e, á vez, o seu encadre na web municipal. Para iso o goberno municipal debe solicitar permisos de reapertura e dotación de frecuencia ante as autoridades competentes e habilitar unha partida orzamentaria para cubrir gastos de posta en marcha.

O PSOE ten claro que as radios municipais son uns instrumentos de información e de participación social moi potentes no seu ámbito, e con utilidade para os veciños en xeral, para empresas do concello e para asociacións e outras entidades. Asemade, fomentan o uso do galego nos medios de comunicación e incluía unha programación cultural próxima e amigable.

Dende 1993, co goberno do socialista Frutos Saavedra, a Radio Municipal emitiu cunha vocación de servizo público e unha programación levada a cabo, na súa meirande parte, por veciñanza local.