Socialistas de Arteixo

View Original

MOCIÓN POLA SITUACIÓN DOS CAUCES DOS NOSOS RÍOS



É ben coñecido pola veciñanza e por este Grupo Municipal Socialista do deterioro e abandono que dende hai anos presentan os nosos cauces, tanto no centro da capital do concello, como noutros puntos de gran afluencia de persoas como poden ser a área recreativa do Seixedo ou a fraga de Sisalde, por citar dous exemplos.

De xeito natural os ríos reciben aportes vexetais no seu cauce debidos á caída de follas, rotura de pólas, acumulación de lodos, etc así como os aportes que chegan ó cauce debido ós temporais, choivas intensas, etc. Así, en moitos puntos podemos apreciar como as beiras están literalmente tomadas por vexetación que medra de forma incontrolada, pólas secas caídas, pedras, etc. A isto temos que sumar á acción incívica e vandálica que se manifesta en tirar lixo, mobiliario urbano ou outros elementos como carriños da compra.

A cotío temos que escoitar do goberno municipal que Augas de Galicia non deixa limpar os ríos, que si non se pode deteriorar o hábitat, etc. Porén, a realidade é que tan só son escusas que non enganan a ninguén. Se viaxamos pola xeografía galega, podemos observar como noutros concellos os ríos están limpos de lixo, as marxes despexadas e a fauna campa ás súas anchas sen maiores prexuízos por estas actuacións.

Segundo Augas de Galicia:

“Considéranse actuacións menores de mantemento e conservación do dominio público hidráulico, sempre que se executen fóra de espazos protexidos, as seguintes:

a) Retirada de árbores mortas e podas de árbores que impidan accesos á canle ou á súa servidume de paso, sempre que non impliquen perda do substrato arbóreo da ribeira.
b) Retirada de árbores mortas e podas de árbores que reduzan a capacidade da canle.
c) Retirada de elementos arrastrados pola corrente que obstrúan a canle e especialmente nas obras de paso sobre ela, ou que constitúan un elemento de degradación ou contaminación do dominio público hidráulico.
d) Mantemento das seccións de medición de caudais das redes oficiais de estacións de medición.”

O Grupo Municipal Socialista é consciente de que no noso termo municipal existen recursos hídricos catalogados de especial protección e algúns incluídos na Rede Natura 2000 e a limpeza, acondicionamento, preservación e prevención de inundacións corresponde á autoridade autonómica. Malia a iso, o Goberno Municipal non pode esquivar a responsabilidade de solicitar ou executar, segundo sexa o caso, as actuacións pertinentes para manter a biodiversidade dos nosos ríos e regatos.

Así, Augas de Galicia, como administradora da Demarcación Hidrográfica Galica-Costa establece, entre outras, as seguintes actuacións de acondicionamento ambiental de tramos de cauces afectados:

• “Limpeza de escombros e outros produtos/residuos nas marxes do leito das zonas de servidume de paso e das pistas e camiños de acceso ós mesmos.
• Limpeza de fangos e residuos, e de calquer outro sólido estraño e alleo á funcionalidade do río.
• Eliminación de estancamentos, tapóns e obstáculos no leito
• Acondicionamento dos azudes, eliminación dos aterramentos e demais sólidos acumulados
• Desbroce selectivo
• Entreseca, poda ou tala selectiva”

Un problema a dilucidar é a competencia da limpeza e conservación dos ríos ó seu paso por tramos urbáns. Sendo certa que a competencia da xestión hidrográfica correspóndelle á Xunta de Galicia pero habendo certo articulado na lei de augas estatal que se atén a diversas interpretacións foi o Tribunal Supremo o que resolveu o conflito con sendas sentenzas, a primeira delas do ano 2014 e a seguinte do ano 2017 onde determina que a conservación dos cauces públicos, tanto de ríos como de regaos ó seu paso por zonas urbáns é unha competencia urbanística que lle corresponde ós concellos. E esta competencia inclúe a limpeza de residuos urbáns así como as labores de conservación e mantemento ordinarios

Dende o Grupo Municipal Socialistas solicitamos:

1. Que se leve a cabo unha planificación municipal de limpeza e conservación dos recursos hídricos (ríos, regatos, encoros, etc) e a súa inmediata execución en todos aqueles tramos que sexan de competencia municipal coa finalidade de evitar desbordamentos e manter a biodiversidade dos mesmos en estado óptimo

2. Que se inste á Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa naquelas tarefas que sexan da súa competencia para realizar o mantemento, rexeneración e conservación dos ríos, regatos, encoros, praias e costa que transcorran polo termo municipal

3. Que se realice unha vixiancia máis exhaustiva de todos aqueles feitos que sexan constitutivos de delicto, falta ou simple incivismo e se apliquen as medidas oportunas.