Socialistas de Arteixo

View Original

ROGO APERTURA CENTRO DE MAIORES


A realidade demográfica en Galicia é preocupante en canto ó relevo xeneracional o que nos leva a elevados datos de poboación maior de 65 anos. Malia que Arteixo é unha illa nesta tendencia, posuíndo unha alta taxa de natalidade, tamén é certo que ten un número importante de persoas maiores. Así, según se desprende dos datos do ano 2017 do Instituto Galego de Estatística, e centrándonos na franxa de idade de 65 ou máis anos en Arteixo temos as seguintes cifras:

IDADES
HOMES
MULLERES
65-69
687
733
70-74
584
628
75-79
362
440
80-84
334
434
>85
204
435
TOTAIS
2171
2670
4841

Nos datos ofrecidos polo IGE do ano 2017, a poboación de Arteixo era de 31.854 habitantes o que supón que o colectivo de persoas maiores de 65 anos é o 15’20% do total da poboación. Nos últimos tempos, o número de persoas maiores con dependencia está en aumento, así como o número de persoas maiores que viven soas ou que as súas familias non poden atendelos por motivos sociolaborais ou calquera outro motivo. As administracións públicas teñen así a responsabilidade de velar pola poboación en xeral e da que se atopa en risco, en particular e, si falamos de persoas maiores, a Xunta de Galicia, con competencias na materia é a responsable da creación e xestión dos centros de día e as residencias para persoas maiores ben con medios propios, ben coa colaboración, mediante convenios con entidades de iniciativa social.

Así en febreiro de 2015 comezou o proceso da creación dunha escola infantil, unha residencia de maiores e un centro de día, coa sinatura do convenio entre a Fundación Amancio Ortega, o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e o Concello de Arteixo para a súa construcción.

Xusto dous anos máistarde, a Fundación Amancio Ortega e o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar asinan a doazón dos edificios construidos pasando así a ser parte do patrimonio do ente público.

No Pleno de 31/07/2017, o Concello de Arteixo aproba o convenio de colaboración co Consorcio para a xestión e financiamento da escola infantil e, en sesión plenaria do 14/05/2018 son aprobados o convenio de colaboración entre o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e o Concello de Arteixo para a xestión e cofinaciamento do centro de día e centro de atención residencial, así como as correspondentes ordenanzas de condicións de acceso e prezo público de ámbolos dous servizos.

Con data 28/06/2018 o Consorcio anuncia na Plataforma de Contratos a licitación do servizo de xestión do centro de día e o centro residencial de Arteixo. En reunión mantida pola Mesa de Contratación o 20/09/2018 despois de ter valoradas as ofertas, decide elevar á Vicesecretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social a documentación técnica de todas as ofertas presentadas coa finalidade de que emita informe valorativo.

Dende entón, non hai máis noticias sobre o estado da licitación nin data prevista de apertura e posta en marcha do servizo de centro de día e centro residencial malia que xa, dende 2017 houbo anuncios, tanto por parte do Concello como da Consellería de Política Social da súa apertura a finais do ano 2017.

Dende o Grupo Municipal Socialista rogamos:

·         Que dende o Goberno Municipal se dean as explicacións pertinentes á cidadanía e a este Grupo Municipal en relación á demora da apertura da Residencia e Centro de Día de Maiores de Arteixo

·         Que dende o Goberno Municipal se apremie á Xunta de Galicia á finalización do procedemento e á posta en funcionamento deste recurso tan necesario para Arteixo.
·         Que se nos faciliten os datos das solicitudes presentadas ante o departamento de Servizos Sociais tanto para o centro de día como da residencia.

Que se nos faciliten os datos das solicitudes de traslado de persoas previamente censadas en Arteixo que actualmente están en residencias noutras localidades galegas.