“No PSdeG-PSOE de Arteixo preguntámonos por que seguen acumulados os antigos contenedores cheos de lixo na parcela fronte aos Institutos, ao mesmo tempo que se permite que os alumnos fagan probas físicas en dita parcela”
A improvisación e falla de planificación na posta en servizo do novo sistema de recollida do lixo municipal está a causar problemas aos cidadáns, cunha deficiente colocación dos novos contenedores, cunha renuncia da separación en moitas zonas do noso concello, cunha “subrogación” dos traballadores informada negativamente polos técnicos municipais, con graves insuficiencias de persoal, e cunha cuestionable eficacia no proceso de reciclaxe que seguramente non está a funcionar ata o momento.
O servizo do lixo centra a atención do departamento de obras e servizos do concello que está a ter moi limitada a súa capacidade no resto dos problemas de mantemento e conservación do noso concello e chega ata o punto de ver como os antigos contenedores de lixo seguen acumulados na parcela que se atopa fronte aos institutos de Sabón e moitos deles cheos do lixo que tiñan no momento de ser retirados.
Esa parcela ven sendo utilizada polos alumnos do instituto para probas físicas e agora vemos como teñen que realizalas ante a presencia de lixo, de ratas e un cheirume francamente insoportable, pedímoslle ao PP de Arteixo que dunha vez por todas o concello tome a iniciativa e elimine ese foco infeccioso do noso concello.