Socialistas de Arteixo

View Original

Martín Seco “O PP e Marea deberan preocuparse por paliar os problemas derivados da implantación do Porto Exterior en Arteixo e deixarse de enganar aos cidadáns por meros intereses electorais”


Todo vale para PP e Marea instalados na busca desesperada de votos na cidade de A Coruña,  que fora o PP o que arruinase o Consorcio do Porto de Valencia ou que non fixesen nada nos derradeiros anos para solucionar os graves problemas da Autoridade Portuaria Coruñesa non importa, que sexa ilegal condonala débeda dun ente como a do porto coruñés tampouco semella importarlles, o que si debera importarlles é a situación na que está Arteixo e os problemas que soportan os cidadáns deste concello derivados da instalación do Porto Exterior no noso territorio sen as medidas correctoras que se deberan tomar con esta instalación.


O Concello de Arteixo co fin de sacar o tránsito de petroleiros e a carga e descarga de sólidos da cidade veciña, acolleu a instalación dun Porto Exterior que debera financiarse segundo un convenio, no que Arteixo grazas a inexistente xestión do alcalde do PP Pose Miñones, non gañaba absolutamente nada, pero agora é tempo de esixir que esta infraestrutura chegue nas condicións de seguridade e medioambiente axeitadas. Os deputados do PP no Congreso e o representante do Concello de Arteixo no Consello de Administración do Porto non din absolutamente nada dos problemas xerados por dita instalación, e mentres na cidade falan de condonar débedas, os continuos problemas  que están a sufrir os nosos areais polos trocos das correntes derivados da construción de dita infraestrutura, as descargas de sólidos como clínker ou carbón sen ningún tipo de control (como pode observarse nas imaxes), os continuos retrasos na construción do acceso en tren e como se van a levar a cabo para garantir a calidade de vida dos núcleos afectados, a liberación da peaxe da AG-55 para conectar a A6 coa Autovía de Acceso ao Porto, son temas esquecidos durante anos por un PP gobernante na Xunta e no Goberno do Estado do que aínda así temos que escoitar unhas reivindicacións que deberan poñelos colorados.


Dende o PSOE de Arteixo, entendemos a importancia de reconducir un convenio superado polo tempo e as circunstancias para a cidade coruñesa e sabemos que o Goberno de España traballa en buscar consensos para un problema que o PP esqueceu durante anos, ao mesmo tempo esperamos reunirnos en breve co Delegado do Goberno para transmitirlle as preocupacións dos cidadáns de Arteixo, xa que é de xustiza que os problemas que eliminaron da cidade herculina non se trasladaran ao concello veciño e os seus habitantes, Arteixo merécese solucións e que o PP e Marea non xoguen con eles.